«Pois menos mal que non dixo como outro que xa ía sendo hora de que lle deran o premio porque levaba dous anos sendo finalista», chanceaba Xavier P. Docampo, comisario do Premio de Literatura Infantil Raíña Lupa, comentando as palabras de Carlos López Gómez (Boimorto, 1967) cando recibiu a noticia de que era o gañador deste ano coa obra A peripecia de Roi . Caridad González, presidenta da comisión de cultura da Deputación coruñesa, convocante do premio, foi a encargada de darlle a noticia e de recibir as primeiras palabras de agradecemento e satisfacción do gañador, unha vez aberta a plica da obra gañadora. González salientou a importancia «de estimular o hábito da lectura entre os mais novos» con obras como esta e lembrou que o primeiro gañador deste premio foi Agustín Fernández Paz, que recibía hai uns días o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.
A poeta Yolanda Castaño foi a portavoz dun xurado formado por Antonio Yáñez, gañador do ano pasado, o crítico literario Ramón Nicolás, o poeta Ignacio Chao e Pedro Lucas, da biblioteca Nova 33. A decisión do fallo foi tomada por maioría, despois de deixar seis obras finalistas entre as 31 presentadas. «É unha obra chea de fantasía e toques de humor próxima ao absurdo e moi imaxinativa», explicou Yolanda Castaño.
«É un pequeno agasallo ao meu afillado, que tamén se chama Roi; o neno protagonista ten o seu aspecto e a súa idade, seis anos», explicou Carlos López, Chinto , detallando que se trata de «un conto longo, ou unha novela curta, que fala diso: da peripecia de Roi, non se chama a engano a ninguén». A historia empeza cando o neno vai coa súa nai a unha festa e esta vaille mercando globos de helio que ata no seu pulso, «pero como son tantos sae flotando polo aire; aí empeza a particular peripecia de Roi, durante a que vai atopando un aviador, un home que viaxa nun globo aerostático, un astronauta e ata un extraterrestre, xa no espazo exterior... Vai pedindo axuda a todos para regresar á terra, mesmo ao sol e a unhas nubes».
Sobre o contido humorístico, indica: «Non podo subtraerme a que basicamente son humorista; o humor do viñetismo político é mais ácido, pero para nenos ha de ter outro ton; o humor sempre vai estar presente nas miñas obras». Admite que o seu humor pode ter «un punto de disparate, de surrealista, pero non me atrevería a definilo».
Chinto, gañador do premio Merlín 2007 con Minimaladas , pensa que este novo galardón «ven referendar o que estou facendo, dicir algo así que non o estou facendo mal de todo» e amosa o seu orgullo de pertencer «á nómina de gañadores deste premio; aí están grandes autores das letras galegas».
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios