Galicia colle o relevo para o congreso do IBBY no 2010

Concha Pino

CULTURA

18 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Galicia recolleu a pasada fin de semana en Copenhague o relevo como sede do congreso internacional de literatura infantil e xuvenil que organiza o Internacional Board on Books for Young People (IBBY) cada dous anos. A cita a nivel mundial será en Santiago do 8 ao 12 de setembro do 2010 e estará organizada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), adscrita á sección estatal do IBBY, e a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil).

A vicepresidenta de Gálix, a escritora e tradutora Ánxela Gracian, encabezou a delegación que acudiu a Copenhague para recibir a testemuña como sede do vindeiro congreso, que se convoca co lema A forza das minorías e que ten como comisario ao escritor Xosé Antonio Neira Cruz. Foi el quen presentou aos numerosos asistentes a proposta galega e a intención de que o congreso de Galicia sirva de ponte entre as culturas. A forza das minorías é a frase que encabeza o cartel que se deu a coñecer ante os autores e intelectuais de todo o mundo neste encontro, que salientaron «a modernidade e forza expresiva» da obra. O autor é o ilustrador e debuxante Xan López Domínguez, que aceptou o encargo da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil de crear o póster e o logo que lucirá todo o material, despois de que declararan deserto o concurso que convocaron o pasado ano. A Copenhague levaron un avance en papel e cederrón nas tres liñas que serán oficiais no 2010 : galego, inglés e castelán,

No mesmo acto proxectaron un audiovisual sobre a cidade de Santiago e o seu significado como fin do Camiño. Pero o que provocou o maior entusiasmo entre o público foi a actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que formou parte da comitiva galega.

Gálix, presidida polo escritor Manolo Figueiras, creouse en 1989 para promover, defender e facer visible a literatura infantil e xuvenil galega. Leva máis dun ano preparando a loxística para celebrar este encontro na capital galega co apoio da Consellería de de Cultura. O proceso de traballo que se vén de oficializar prevé que reunirá en Compostela a máis de 800 creadores e profesionais do campo da literatura para nenos e mozos. O IBBY non improvisa, porque non só está decidida a cita literaria en Galicia, senón a seguinte, no 2012, que será en Londres. En España só se celebrou unha vez, en Sevilla no ano 1994.