As coincidencias non son casuais

Camilo Franco

A CORUÑA CIUDAD

07 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O azar non existe. Chamámoslle azar a aquelas cousas que suceden e descoñecemos as causas. Pero causas, como as meigas, hainas.

Coincidencia primeira. Por unha vez na vida coinciden os intelectuais e o empresariado. George Steiner revelou a escala invisible das linguas situando o galego nun rango inferior. Hai dous rangos de linguas: as que deben ser obrigatorias e as que non. Steiner e os empresarios consideran que o galego non debe ser obrigatorio e por iso consideran que calquera posibilidade de aprendizaxe é unha imposición. Están interesados en non ver o simple do asunto: todas as linguas son obrigatorias. O castelán é obrigatorio, o inglés é obrigatorio. Xusto o galego é o menos obrigatorio de todos os posibles, pero isto queren ignoralo. É unha desinformación interesada. Un pode cruzar Galicia en todas as direccións posibles falando castelán sen escoitar unha voz en contra. ¿Por que xa non sucede o mesmo en galego?

Coincidencia segunda. Estes días, claro está, leo con máis atención a Steiner. Non formo parte do batallón dos que ata hai unha semana utilizaban citas do escritor para dar retoques ao seu discurso. Agora que Steiner conseguiu colocarse na estela política de César Vidal, habería que explicar os dous modelos culturais que representan. Steiner ten cousas que dicir pero desinfórmase baixo o seu disfrace de sabio. Vidal oculta a súa desinformación facendo ver que ten cousas que dicir. Conflúen naquela frase de Einstein: a intelixencia humana ten límite pero a estupidez non.

Coincidencia terceira. Na Coruña hai frases de escritores sobre a cidade. As dos galegos en galego, as dos casteláns en castelán. Defoe non escribiu en ningún dos dous idiomas. Pero a súa cita está en castelán.