«Europa haina que unir sobre unha identidade cultural e espiritual»

OURENSE CIUDAD

O profesor reivindica a figura de Ramón Piñeiro e afirma que dedicarlle o Día das Letras permitirá recuperar o verdadeiro sentido da obra de quen foi o seu mestre

25 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Basilio Losada (que naceu en Láncara no 1928, aínda que no rexistro civil non se inscribiu o seu nome ata 1930) non se xubilou nunca, nin pensa facelo. Quen é unha das grandes figuras da cultura galega do século XX, o catedrático que compartiu con Carlos Casares e con Cunqueiro a fama de ser o mellor contador de historias -«narrador oral», que dirían os exquisitos-, destas terras, continúa dando conferencias por todo o mundo. E cando está en Barcelona, onde reside, acude cada día a ese despacho seu no que recibe chamadas tan estrañas: ao que foi un centro de peregrinación laica, no centro da universidade. Estes días está na Coruña, para presidir o tribunal dunha tese de doutoramento.

-Pero dígame, ¿non bota Galicia de menos?

-Bótoa de menos constantemente. Pero non exactamente a Galicia urbana, porque as cidades son en realidade moi fermosas, pero eu xa coñezo moitas cidades fermosísimas de toda Europa. Como Estocolmo, por exemplo, a última na que estiven. A miña muller, Isi, que é alemá pero que sente Galicia con auténtica devoción, e que ten a esperanza de que veñamos vivir algún día nela, obrígame ás veces a coller un avión cara á Santiago, e ao chegar alí alugar un coche para percorrer a Galicia rural: o Caurel, a Terra Chá, Bande, a Raia de Ourense, as rías do norte, qué sei eu... Iso é o que boto de menos cando non estou na miña terra. Boto de menos a Galicia rural, que foi o meu mundo de neno e que teño aínda vivo dentro de min. E hai un ano fixen o camiño desde o Cebreiro ata Santiago, que para a miña idade tampouco está nada mal. ¡E iso foi unha marabilla...!

-¿Que representa o Camiño de Santiago para vostede?

-O Camiño de Santiago é un encontro cun mesmo. A primeira vez que o fixen, que foi alá no 1947, empecei a andar en Roncesvalles, e descubrín o románico, que sobre todo é unha arte do Camiño. En setembro vou dar un curso en Bélxica, en Amberes e Gante, e alí voulles dicir aos políticos, que pensan que están a construír a unidade europea, que esa unidade xa a fixeron os monxes do Cluny e os do Císter sobre unha base espiritual nun tempo en que Europa aínda non tiña nome, cando se chamaba a Cristiandade. Porque Europa haina que unir sobre unha identidade cultural e espiritual, e non sobre entidades numéricas, como as do economía. San Bernardo, a grande figura da nosa idade media, deixou, cando morreu, 400 mosteiros.

-Sendo vostede neno, no Val de Láncara, creu ver a Deus un día. Máis tarde, sendo xa catedrático de Universidade en Barcelona, chegou á conclusión de que aquel home era un vello mendiño que buscaba o cobixo que na súa casa lle deron. Hoxe, di vostede que pensa que era Deus, novamente...

-A miña avoa deixaba sempre a porta da casa aberta, e na lareira sempre fervía un pote de caldo. E dicía que alí podía entrar calquera e comer aquel caldo, e que se viamos a alguén comendo do pote non lle preguntasemos nada, porque podía ser Noso Señor. Un día, eu e outros dous nenos da casa vimos un velliño comendo caldo alí, cunca tras cunca. Estabamos escondidos, e eu preguntáballe ao meu primo: ¿ti pensas que este é Nuestro Señor ? E aquel home, de longa barba, cando acabou de comer o caldo, dixo, como se falase con el mesmo, escoitando a súa propia voz: «Tres avemarías polos mortos desta casa». E rezounas. Entón nós acabamos convencidos de que viramos a Deus. Despois, como ti dis, pasei moitos anos nos que ao lembrar esta historia pensaba que Deus non era. Pero agora, coa proximidade da morte, penso que si: que tiven o privilexio de velo.