Un dobre cedé homenaxea ao gaiteiro Ricardo Portela

Xavier Lombardero

CULTURA

08 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Co título de Foliada nas Rías Baixas, homenaxe a Ricardo Portela, o mestre, vénse de editar un dobre cedé dedicado ao gaiteiro pontevedrés que representou o nexo de unión coa tradición gaiteira, reivindicando a dignificación deste instrumento e abrindo camiño para a evolución da gaita nestes últimos 30 anos. Este traballo nace como iniciativa da recentemente creada Asociación de Toque Pechado de Pontevedra, encabezada polo gaiteiro Óscar Ibáñez, que pretende recuperar e difundir as formas de expresión gaiteiras propias de Pontevedra, con dixitacións pechadas das gaitas modelo tombal con ronquillo, de Manuel Villanueva, que empregaran Perfecto Feijoo ou Xan de Campañó, e a dixitación pechada estilo Ricardo Portela.

«Nun momento no que a gaita está a vivir un proceso de homoxeneización en dixitación aberta, é importante recuperar o referente de Portela», di Óscar Ibáñez. Esta gravación inclúe por primeira vez a familia, amigos, alumnos e portelistas en xeral, que pretenden potenciar a figura do gaiteiro de Viascón, o seu orixinal estilo interpretativo e o seu pensamento, co fin de chamar a atención das novas xeracións de gaiteiros. «Portela, ao igual que Perfecto Feijoo ou Avelino Cachafeiro, foi moito máis ca un gaiteiro, foi o último eslabón dunha xeración de gaiteiros tradicionais, o relevo directo do gaiteiro de Campañó e o de Soutelo», explica Óscar Ibáñez.

O traballo de homenaxe ao que foi primeiro presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos e figura importante nos primeiros festivais de Ortigueira elaborouse durante dous anos, e divídese en catro bloques, con cedés, libretos e varios documentos.

A música

O dobre cedé publícase en Edicións do Cumio coa colaboración da Consellería de Cultura e os concellos de Pontevedra e Cotobade. Será presentado o día 11 nunha gala que se celebrará ás once e media da noite no Teatro Principal de Pontevedra e na que se alternarán entrevistas a familiares, amigos e portelistas , coas actuacións dalgúns dos músicos que colaboraron nesta homenaxe. Entre a lista de corenta gaiteiros e grupos están Óscar Ibáñez, Noitarega, Pepe Ferreirós, Nando Casal e Moncho García, Miguel Fraguas, Rédea Solta, Os Lerenses, Álvaro Novegil e Marmurios de Leucoiña.