Dixitalización dos fondos en Google para colocar a cultura na primeira liña da Rede

La Voz

CULTURA

05 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Galaxia e Google chegaron hai pouco a un acordo para que o buscador dixitalice os fondos completos da editorial galega. Para Freixanes, este é «un salto cualitativo moi importante porque supón colocar unha parte do patrimonio cultural galego na primeira liña da Rede mundial».

O director xeral considera que «Galaxia ten un patrimonio que non pode quedar metido nun caixón, hai que sacalo á vista e que a sociedade poida dispoñer del».

En canto aos retos de futuro para as editoras, os cambios de formatos, a utilización de soportes variados, o director xeral de Galaxia considera que «van depender moito de cada editorial». Freixanes considera que «unha sociedade é un espazo de comunicación que ás veces funciona entre persoas que ocupan territorios diferentes. É unha característica do noso tempo».

Para explicar ese xogar en varios campos culturais, o director apunta que os fundadores xa foron conscientes desa necesidade: «O primeiro que fai Galaxia é tentar lanzar Grial, que era un medio de comunicación. Nós reforzamos esa liña de traballo como plataforma cultural». Freixanes asegura que, na mesma liña, «no 67 montan desde Galaxia a discográfica Edigsa, dous anos antes de que aparezan Voces Ceibes, por certo con Xaime Isla». Conclúe Freixanes asegurando que «a editora sabe que hai que xogar outras partidas distintas á do libro, que debe ser unha plataforma na que a xente proxecte cousas».