«A conquista de Galaxia é que Galicia non sexa monopolio de ninguén»

Camilo Franco

CULTURA

A editorial fundada hai 57 anos foi distinguida polo Goberno galego coa medalla ?de ouro, a máis alta distinción honorífica que se concede no país

05 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Víctor Freixanes, que leva seis anos á fronte de Galaxia, advirte que a medalla de ouro que a Xunta concedeu onte á editorial «premia a aquel milagre que puxeron en marcha uns poucos e que adiantaba a existencia dun país moderno».

-¿Como se recibe a máxima distinción de Galicia?

-Con esa consciencia de que é a máxima distinción que se pode obter en Galicia. Como un honor que premia a memoria e a vontade que tiveron os que quixeron construír unha Galicia que daquela parecía difícil: Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Xaime Isla Couto. Nós entendemos que é un recoñecemento dunha empresa editorial que foi máis que unha editorial, que foi tamén unha estratexia política e moitas cousas máis.

-¿Unha das chaves de Galaxia foi a súa capacidade de resistencia?

-Galaxia foi unha milagre duns poucos que puxeron sacrificio e ilusión para sacar adiante un país moderno. Sementaron nas novas xeracións e eles foron un grupo de resistentes, pero un grupo moi diverso no cultural e no ideolóxico; alí estaba todo o mundo. Houbo sectores críticos con Galaxia, coa súa traxectoria, pero que, pese a discrepancia, non deixaban de ser fillos deles. A gran conquista dos que fundaron Galaxia é que hoxe Galicia non é monopolio de ninguén.