Mar Guerra debuta na literatura acadando o Merlín con «Xenero e o misterio da mochilota verde»
Marilar Aleixandre consegue o premio de literatura xuvenil cunha historia que parte dunha violación
Unha noite de historias viviu a illa de San Simón coa celebración dos premios Xerais e das súas tres categorías. Manuel Lourenzo González gañou o premio de novela, Marilar Alexandre, o Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, e Mar Guerra fíxose co Merlín, dedicado á literatura infantil. Historias de amor e de busca que onte foron aplaudidas na noite da ría de Vigo.
Manuel Lourenzo González resultou ser o gañador do premio Xerais nunha edición de aniversario. O escritor pontevedrés publicará con esta editorial nos próximos meses O Xardín das Pedras Flotantes, unha historia que o autor define como «de amor», pero que segundo as súas palabras de onte, «é unha historia de historias, que vai recollendo outras historias mentres se conta a principal».
Lourenzo indicou, despois de coñecer o fallo do xurado do Xerais, que esta era «unha historia de longo percorrido porque conta unha historia ao longo de moito tempo». Para explicarse máis asegurou que o tempo da narración era moito, pero a extensión da novela podía considerarse estándar «sobre trescentas páxinas, non é unha novela ultralonga».
Marilar Aleixandre gañou o premio de literatura xuvenil Fundación Caixa Galicia con A cabeza de Medusa, unha novela que considera «vale para todos os lectores, pero que pode comezar nos de catorce ou quince anos». A historia desta autora que gañou o Xerais ten personaxes inventados e unha circunstancia real. Hai unha violación no comezo da novela e a escritora indica que «a narración é non tanto sobre a violación física como sobre a violación social que chega sempre despois». A poeta e novelista sinala que o «argumento está tratado de maneira delicada e hai que confiar nos lectores novos cando se trata de chamarlle ás cousas polo seu nome». Aleixandre asegura que a novela «parte desa situación traumática pero ten tamén momentos cómicos porque á vida non é sempre tremenda».
Mar Guerra foi a sorpresa da noite. Nacida en Madrid, con máis de vinte anos de xornalista en Galicia, gañou o Merlín con Xenaro e o misterio da mochilota verde, o seu primeiro libro. A xornalista admite que debuta con bo pé «nun xénero no que hai moita altura en Galicia». Sinalou que se presentara «por probar se o escrito pasaba os filtros dun xurado». Advirte que é unha historia normal para cativos que ten vocación de «explicar que os raros son especiais pero non diferentes» cun protagonista que é un neno normal.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios