«Empaquetador de soños, pioneiro no despegue do libro moderno», lembrou Víctor Freixanes

La Voz

VIGO CIUDAD

18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O director da editorial Galaxia e académico, Víctor Freixanes, construíu un fermoso discurso sobre Álvarez Blázquez en torno o seu labor coma libreiro e editor. Freixanes, que titulou o discurso Arte de paquetería , converteu en metáfora da profesión o traballo de envolver para enviar os exemplares dos libros aos subscritores, como agora se segue a empaquetar todo o que ten que ver co mundo da comunicación, o márketing e a publicidade. O responsable de Galaxia destacou ao homenaxeado deste 17 de maio como un «empaquetador de soños, pioneiro no despegue do libro moderno, incluído o pago de dereitos de autor».

Pola súa banda, Xosé Luís Méndez Ferrín apegouse á cotidianeidade e andanzas de Álvarez Blázquez por Vigo cun percorrido íntimo e agarimoso polos lugares que frecuentaba desde o barrio das Travesas ata á pastelería a carón da librería que tiña na rúa Pi e Margall «este grande home de Vigo, escritor de xenio que nunca foi un sabio frío». Finalmente, o presidente da Real Academia rematou as intervencións sinalando a Álvarez Blázquez coma símbolo dos exiliados na súa propia terra, que foron derrotados pero non vencidos. Estendeu a homenaxe aos anónimos «que loitaron por unha democracia e unha Galicia libre. Moitos pensan que é mellor calar, pero sería unha inxustiza», polo que se mostrou partidario de «primeiro rehabilitar a memoria, e logo, esquecer».