A pianista de Céltigos, en Cracovia

CULTURA

Tamara Lorenzo cursa un posgrao na cidade polaca, onde dará un concerto no que a soprano local Olga Rusin cantará «Negra Sombra» e o «Himno galego»

08 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Tamén en polaco. Tamara Lorenzo e o cartel que anuncia os actos previstos para o día 12 en Cracovia

Marchou de Galicia hai dous anos para seguir formándose como pianista nun curso de posgrao en Cracovia, como bolseira da Fundación Barrié de la Maza, e alí atopou outra Galitzia, a polaca. Tamara Lorenzo Gabeiras (Céltigos, Ortigueira, 1983) amosa a súa sorpresa «pola preocupación que ten aquí a xente polo noso galego; é algo moi sorprendente», apunta dende a cidade polaca.

Tamara Lorenzo é a fundadora da Asociación de Pianistas Galitzia que xunto co Centro de Estudos Galegos da Universidade Iaguélonica organizaron para o próximo día 12 unha conferencia-concerto sobre a historia da música galega que leva por título Cantigas e muiñeiras.

Explica a pianista que neste encontro a soprano polaca Olga Rusin cantará a Negra sombra e tamén o Himno galego. «Xa que está de centenario nós tamén queremos celebralo aquí dalgunha maneira», aclara. Neste acto intervirá igualmente o pianista polaco Gajusz Keska, outro dos fundadores da citada asociación de pianistas. Os carteis anunciadores deste encontro están sendo repartidos pola cidade en polaco e en galego: «Nun principio iamos facelos só en galego, pero logo pensamos que ao mellor non se entendían e fixémolos bilingües».

A paixón coa que fala esta pianista amosa a ilusión que teñen nesta actividade, na que tamén se farán proxeccións de cadros de Laxeiro e na que a interpretación do Himno galego tamén se fará desde a perspectiva «de que representa un poema galego musicado», explica Tamara Lorenzo.

Tese de doutoramento

De todos os xeitos, as actividades de Tamara Lorenzo non paran aquí xa que tamén está facendo a súa tese de doutoramento cun traballo que leva por título Análise e interpretación da obra para piano de compositores galegos dos séculos XIX e XX, baixo a dirección do doutor José Ignacio Palacios da Universidade Sek, de Segovia.

A pianista pon sempre unha énfase especial en citar as persoas que ten, ou tivo, como mestres, como fai por exemplo con Andrzej Pijkul, o seu actual mestre de piano nos estudos de posgrao.

O vindeiro mes de xuño remata os dous anos do curso de pos-grao e, logo, manifesta: «Gustaríame seguir a miña formación, aínda que non sei se aquí en Polonia ou en Alemaña».

Sobre o seu futuro apunta que o desexo dos pianistas «sempre é ser concertistas, solistas, dar recitais, facer música de cámara ou a docencia, que sempre é unha das últimas opcións, aínda que iso non sexa xusto».

Desde a súa experiencia, chama a atención sobre o feito de que a parte pedagóxica en ocasións non se valora «e é algo moi importante e debería terse moito máis en conta porque así poderíamos ter bos mestres en Galicia e, polo tanto, bos alumnos».

Importancia da docencia

Tamara Lorenzo salienta que a súa tese sérvelle para seguir en estreito contacto co que pasa en Galicia e dá conta das importantes diferenzas que hai entre as ensinanzas musicais en Polonia, ou noutros países do Leste, en relación con Galicia. De todos os xeitos pensa que o nivel musical agora mesmo é moi bo e opina que hai músicos para estar en calquera das dúas orquestras sinfónicas existentes en Galicia.

Disto tamén fala con coñecemento de causa xa que entre as súas actuacións estiveron as que como invitada pola Xoven Orquestra da Sinfónica de Galicia fixo baixo as batutas de James Ross e Alberto Zedda. Entre os seus concertos máis salientables, desde que empezou a formarse no Conservatorio de Música de Viveiro con Eloísa Pérez Lage, están o recital no Instituto Cervantes de Casablanca, a participación en varios ciclos de xoves intérpretes (entre eles os da Barrié) e o de finalista no concurso Antón García Abril.