«As traducións axudan moito a que a xente lea máis en galego»

CULTURA

Mona Imai é autora da primeira versión galega dun libro xaponés, «A casa das belas adormentadas», de Kawabata

16 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A casa das belas adormentadas é o libro máis coñecido de Yasunari Kawabata (1899-1972). A editorial Rinoceronte vén de incorporalo ao seu catálogo, na versión de Mona Imai, a primeira tradución que se fai directamente do xaponés ao galego.

-A súa primeira experiencia coa tradución foi tan boa que repite.

-Si, a experiencia foi moi boa. Máis que nada porque é satisfactorio ver como ti mesmo traduces dunha lingua a outra. Coma se unha facultade que tes e que fuches desenvolvendo dese froitos. Iso é unha sensación persoal e interna. En canto ao profesional, estou moi contenta de que poida traducir un libro da miña terra ao galego e, sobre todo, se non me equivoco, que sexa a primeira tradución de xaponés ao galego. E ademais, dun escritor coma Kawabata, que foi o primeiro galardoado xaponés co Premio Nobel.

-Ás veces, á hora de traducir importa tanto como a lingua saber trasladar hábitos dunha cultura e facelos comprensibles a outra. ¿Foi o caso deste libro?

-Si, houbo moitos. Por exemplo o de durmir no chan: ás veces creo que utilicei a palabra cama para que o lector non se confunda, porque aquí o máis común sería durmir na cama, como en Xapón o é no chan. E outros costumes, como quitar o calzado para entrar na casa, tipos de mobles que aquí non hai...

-¿E coa lingua?

-Pois como era a miña primeira vez, teño que confesar que actuei con moita precaución. Aínda que eu xa pasei máis tempo da miña vida en Galicia que en Xapón, xa pasei a fronteira e iso axuda moito. Comprendo o meu idioma perfectamente e só teño que expresalo noutro idioma, en galego neste caso. Pero si hai unha cousa moi puntual que fai que a tradución do xaponés ao galego sexa especialmente difícil, que é a sintaxe. No xaponés é ao revés: non podes traducir unha frase na mesma orde que no galego, tes que ler toda a frase ata o final e logo formulalo en galego. E tamén alí súmase un problema que tiven con Kawabata, o seu estilo é de facer frases moi moi longas, e iso poñíamo máis difícil.

-¿Como é traducir a Murakami?

-Estou encantada de poder traducir a máis autores xaponeses. Para esta obra estou a traballar cun rapaz galego que sabe xaponés, e completámonos mutuamente na calidade da tradución. Si, é moi diferente, á parte da época e o estilo, a temática é diferente. Unha cousa que sinto ao traducir literatura é que para min a tradución é unha arte, dá igual a quen ou que tipo de obra traduzas, o feito da tradución é como unha arte que satisfai ao tradutor. É unha forma de ler e interpretar unha obra noutra dimensión.

-¿Cre que o incremento das traducións é positivo para a saúde do idioma?

-Por suposto que si, penso que é algo moi frutífero culturalmente. As traducións axudan moito a que a xente lea máis en galego. Ademais, penso que o galego favorece moito na lectura, realza a súa beleza na escrita.