«Se volvese empezar, volvería facelo con Berrogüetto»

Camilo Franco

CULTURA

A voz do grupo folk anuncia a súa marcha por «cansazo» e para dedicarse a proxectos como Nordestinas

11 ene 2008 . Actualizado a las 02:20 h.

Guadi Galego deixa Berrogüetto por cansazo, pero non se arrepinte dunha «escola de madurar de dez anos». A cantante e gaiteira asegura que, se volvese «empezar, volvería facelo con Berrogüetto».

-¿Cal é o motivo para deixar o grupo?

-É unha decisión meditada e que tomei hai un ano, pero que non podía poñer en práctica porque tiña que esperar a que rematasen os compromisos. Deixo o grupo por cansazo, porque quero facer algunhas outras cousas e Berrogüetto é un proxecto esixente que require moita enerxía.

-¿Ten que ver coa cantidade de proxectos nos que participa, Nordestinas ou Espido?

-Creo que teño bastante capacidade para cambiar o chip, participar en varios proxectos e disfrutar en todos de maneira distinta. Pero, en conxunto, uns proxectos con outros fanse difíciles de levar. Creo que Nordestinas é un proxecto que me gustaría que se tocase e agora non podía dedicarlle máis tempo.

-¿Con ou sen descanso, cales son os proxectos?

-Non penso no futuro porque me chega co que hai. Cada mañá sento diante do piano e vou seguir compoñendo. Música vou facer toda a miña vida, na casa cos irmáns, nos bares cos colegas, ou na rúa.

-¿Como valora o seu paso pola banda?

-Nacín profesionalmente con Berrogüetto e foi o proxecto máis importante da miña vida. É unha banda que me deu moitas cousas que fan medrar como artista. Con momentos marabillosos e momentos malos, pero se volvese empezar volvería facelo con Berrogüetto.

-¿Cal foi o mellor momento do grupo?

-Este último ano con este último disco. Estiven moi respaldada e tiven moita cancha. Eu creo que foi o ano que mellor tocamos e que, aínda estando dez anos xuntos, había moita ilusión.

-¿Por que deixalo cando as cousas van ben?

-Estou cansa e creo que, se non se está nunha cousa a tope, é mellor non estar. Quizais podería estar ao 25% pero non quero facer iso.

-¿Haberá carreira en solitario?

-Música vou seguir facendo, pero para traballar en solitario hai que ter moito que dicir, así que hai que ir facendo.