A curta 1977, da galega Peque Varela, competirá na categoría de animación do Festival de Sundance.
Sundance, o festival de cine independente creado por Robert Reford hai 27 anos fixouse nunha directora ferrolá. A curta 1977 de Peque Varela foi seleccionada para participar no concurso oficial do prestixioso certame, no apartado de animación.
-1977, traballo de graduación e a túa primeira curta seleccionada para un festival. Se pode ter un bautismo mellor?
-Pois é certo que é un moi bo comezo para este traballo, a miña primeira curtametraxe, aínda que hai que dicir que é o resultado dun longo proceso de aprendizaxe e tempo adicado cara chegar a este momento.
-Ademais, comezas con forza, cunha trama moi valente e arriscada: unha cidade pequena, un nó que crece e unha nena que busca a súa identidade sexual.
-1977 é o ano do meu nacemento e é onde comeza a historia. O argumento desta animación baséase nos recordos de certos momentos do pasado nos que algúns eventos facíanme cuestionar aspectos da miña forma de ser. Cada vez que a protagonista é cuestionada ao longo do seu crecemento, polo seu comportamento ou recibe desprezos ten un nó dentro que lle medra.
-Trataríase, en fin, dunha historia de crecemento e descuberta interior que, ademais, ten moito que ver con Ferrol, a súa cidade natal, e máis concretamente co barrio de Caranza (recoñécense escenarios como os colexios Manuel Masdías e o Calvalho Calero).
-Si, quería contar a historia dunha maneira fiel os meus recordos, de aí que viñera coa equipa a documentar en imaxes e son os sitios onde medrei e onde os eventos aconteceron.
-Cando xurdiu a túa afección polo cine?
-Desde ben pequena na casa o cine sempre estivo presente. Miña nai inculcounos principalmente o gusto por este arte e tiven a sorte de ter acceso a unha videocámara que meu pai traía do traballo e da cal non me separaba. Fixen os meus primeiros vídeos caseiros con dez anos, gravando a familia e amigos e máis adiante facendo curtas por pasar un bo rato.
-O teu caso engádese ao doutros moitos mozos galegos que triunfan no exterior. A que se debe o irte fora (a Londres) a estudar?
-Primeiro fun a Londres coa intención de estudar inglés, xa que non aprobara o selectivo e tiña tempo por diante. Unha vez alí entereime de como funcionaba o sistema universitario, onde non basean a escolla de estudantes na nota de corte dun exame masivo de todo tipo de materias senón nas aptitudes e talento do individuo para eses estudios específicos. Iso fíxome decidir facer os meus estudios alá, xa que tamén intentara entrar na Escola de Imaxe e Son da Coruña pero non había apenas prazas para os estudantes que viñan de bacharelato e non conseguín entrar.
-Na Nacional Film and Television School tiveches a sorte de coincidir con Phil Mulloy, un dos grandes talentos da animación. As súas obras non se quedan soamente na técnica senón tamén parten cunha grande intencionalidade. Hai influencias de el en 1977?
-Por suposto que hai influencias de el xa que non so coincidín con el senón que é o meu mentor. Tiven a oportunidade de xuntarme con el a discutir as miñas ideas e recibir os seus comentarios. Admiro moito o seu traballo polo que comentas, que mais que enfocarse na técnica ou no bonito que se ve, se centra no contido e é critico co mundo que lle rodea.
-Xa con respecto ao Festival de Sundance, sorprendeute a candidatura?
-Si me sorprendeu. Sempre que enviamos a curta a festivais esperamos que sexa seleccionada, obviamente, pero cando finalmente sucede e sobre todo en festivais de este prestixio é imposible non abraiarte. A mesma sorpresa tamén sucede na contra cando non é seleccionado en outros festivais como o de Curtocircuito de Santiago de Compostela.
-Veste con posibilidades?
-A posibilidade xa está aí. Nunca se sabe. Competimos con outras animacións de directores e produtoras recoñecidas e establecidas como Aardman con orzamentos moito maiores que o noso. Pero aínda así cremos na calidade e orixinalidade do noso traballo.
-Despois de 1977, de ter colaborado noutra curta e de ter realizado algunhas cortinillas para a MTV, en que campo che gustaría orientar os teus futuros traballos?
-Eu o salto o din o revés, xa que veño do cine. Os meus primeiros traballos son con imaxe real mais é a animación o medio no que a maioría das miñas ideas se expresan mellor. A animación é un medio totalmente válido para contar todo tipo de historias. A idea de que é unha arte menor a do cinema real e de que é para nenos non é tal.
-A túa curta confirma o bo momento da animación ferrolá (O candidato para o Goya de animación A Flor máis grande do mundo tamén saliu de alí). É algo circunstancial ou crees que a cidade departamental se converteu nunha grande canteira?
-Ferrol está cheo de talentos no campo do cine, da música, da pintura e moito máis. O que pasa é que é mais difícil chegar ás portas que hai que abrir e ós contactos que hai que facer.
-E en xeral crees que a animación galega vive o seu mellor momento, avalada, sobre todo, por prometedores talentos.
-Que eu recorde este é o mellor momento da animación galega. Hai que ver que se fai a partir de agora aínda que a atención xa está gañada. Entendo que ao fin do cabo a animación e o cine son unha industria, e como tal, a fin é xerar diñeiro, polo que está supeditada ás presións do mercado e á demanda do público. Desenrolar proxectos de contido non comercial é algo mais difícil pero non imposible. Hai que ver o caso de Persepolis. Polo de agora en Galicia se fai máis animación tipo Pixar pero igual cambia no futuro.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios