«O home necesita lembranzas para valerse na súa vida»

CULTURA

Un dos grandes creadores vivos da literatura galega vén ?de sacar á luz o terceiro tomo das súas memorias de infancia

16 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) é hoxe, sen dúbida, unha das grandes voces das literaturas ibéricas. Un dos escritores que mellor representa, en todas e cada unha das páxinas da súa xa extensa obra, a búsqueda da excelencia, á marxe de calquera veleidade comercial. Director do Instituto Cervantes de Lisboa desde o ano 2005, estes días chega ás librerías un novo libro seu, As pontes no ceo , terceira entrega e final da triloxía que reúne as súas memorias de infancia.

-E a memoria, finalmente, ¿para que serve, Ramiro?

-O home, entre outras moitas consideracións, é un ser memorioso que necesita crear lembranzas para valerse na súa vida. E o certo é que a literatura tamén ten moito de arte da memoria. A poesía é mesmo unha arte temporal, e cómo non, tamén as grandes novelas teñen moito, case sempre, de reconstrución memorística. Desde este punto de vista, resulta case lóxico que unha persoa que concibe a súa vida como unha vocación literaria teña certa obsesión pola memoria.

-Unha memoria que, conforme fermenta, tamén se vai transformando...

-Claro que si. Por suposto. Porque a memoria é coma a auga, foxe das nosas mans. E entón, cando se quere reconstruír literariamente, hai que recorrer á verdade literaria, que a miúdo ten moito de ficción. Precisamente eu, que levo anos abordando unha obra memorialísticamente extensa, decateime de que para que iso fose convincente, a miúdo había que ficcionar, buscar a verdade literaria, para así poder reconstruír o acontecido. Sen iso, a obra seguramente non funcionaría, ou sería algo frío no que non revivirían nin os ambientes nin as historias nin as persoas de carne e óso. A única maneira de resucitar a moitas persoas que levan anos mortas é entrar nos territorios da literatura, no bo sentido da palabra. Eu en principio quería escribir un libro persoal, de lembranzas... O que fixen é reconstruír un pouco a historia desde abaixo, desde as humildes, desde o cotián. Esta triloxía converteuse nun fresco dunha época porque ten moito de memoria persoal, pero tamén de memoria colectiva.

-¿Cales?

-Por un lado está a mirada do neno que reconstrúe o mundo, pero despois veñen xa as miradas colectivas. E nesta terceira parte, aínda que segue estando aí a historia do neno, xa teñen un protagonismo grande centos de personaxes que son moi representativos da colectividade. Así que sigo o fío da memoria persoal, pero a colectiva sígoa moito máis. Agora xa non só falo da vila que eu coñecín, senón dunha época que ten un telón de fondo histórico que nos permite entender un século de existencia dunha vella vila do litoral galego. Agora as partes que máis me gustan son as que parecen menos persoais, as páxinas nas que lles deixo falar ás persoas de carne e óso. Creo que un dos achádegos importantes da vida é o contrapunto que se establece entre a historia dos personaxes humildes e esa outra historia, grandilocuente, que é a do franquismo.

-¿Que era realmente aquela Galicia?

-Aquel foi un tempo gris, con poucos recursos materiais, unha época dura pero na que a vida da xente transcorría con dignidade. Eu non xulgo, e decidín fuxir de maniqueísmos. ¿Quen somos nós agora para xulgar a vida que tiveron que vivir os nosos pais? Faltaba a liberdade, había miseria, e reler o libro faime chorar, pero tamén busquei que haxa cousas que fan rir. Hai problemas que quixen resolver a través da ironía, porque a ironía, como sabemos desde Cervantes, é o mellor remedio que temos contra as vexacións do tempo e contra as inxustizas.

-Nestas 1.300 páxinas que suma a triloxía, hai tamén moito de confesión, ¿non é así?

-Si, porque na escrita do eu sempre hai moito de confesional, pero tamén hai moitos elementos da gran novela do XIX, que sempre se escribía en terceira persoa, na que había desde documento ata reflexión filosófica, chea de licencias que hoxe nos parecen incribles e que encerraba épocas enteiras. E quixen facer que a xente aparecese co seu nome, co seu apelido... Plasmar a multiplicidade da vida. A escritura do eu acabou sendo unha escritura do nós. ¿Que hai moita xente morta? Tamén está morto o neno que nós fomos. Dá un pouco de respecto poñerse a facer revivir épocas e acontecementos e persoas que levan corenta anos enterrados, si... Pero se algunha vez quixen parodiar a alguén, foi aos poderosos. Aos humildes, xamais. E se alguén é vítima do sarcasmo do escritor é o propio neno... que fun eu.