Os expertos galegos acollen con cautela o acordo ortográfico luso

CULTURA

Algúns cren que non ten nada que ver co idioma da comunidade, e para outros supón unha oportunidade

14 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Entre os especialistas galegos existe cautela e falta unanimidade para valorar se o acordo ortográfico que parece próximo a ser aplicado nas oito nacións lusófonas ten algunha relación co idioma galego. Aumentan os contactos económicos, profesionais e culturais entre persoas de Galicia e dos países lusófonos e hai diálogo en xeral fluído, sen intérpretes. En ámbitos como a comunicación, os escritores ou a educación ambiental, nos últimos meses houbo encontros bilaterais en cidades galegas onde, sen problema algún, os galegos empregaban o seu idioma, e os portugueses, brasileiros e dos restantes países lusófonos, as súas variantes do portugués.

Para o académico Guillermo Rojo, «un sistema ortográfico debe responder a un sistema fonolóxico, e calquera cambio é acollido con resistencia. No español, por exemplo, hai moitas discrepancias ao pronunciar ?ll/y ou s/z, e a unificación ortográfica está favorecida porque leva bastante tempo fixada». Segundo este especialista, «aí están as dificultades que teñen no francés, no inglés ou no alemán para facer reformas ortográficas, que son necesarias. Son decisións de tipo político, economicamente custosas, e a unificación ten vantaxes». No caso do acordo da lusofonía, Rojo, que dirixe investigacións no Centro Ramón Piñeiro, afirma que, «se o porvir do galego dependese de operacións dese tipo, estaríamos apañados». Xulga que hai moitos problemas técnicos para que a ortografía galega se poida adaptar á portuguesa, e discrepa dos «argumentos pseudoeconomistas. As diferenzas son evidentes e estamos perante un problema complexo. O certo é que moitos galegos non entenden aos portugueses e si aos brasileiros, e moitos portugueses cando nos visitan falan español. Iso significa algo».

Elías Torres, profesor das filoloxías galega e portuguesa en Santiago, opina que «o problema é se a sociedade galega se sente ou non interpelada por ese acordo ortográfico. Hai persoas que si nos sentimos, e pensamos que pode ser unha oportunidade que determine políticas positivas na cultura, na industria, na educación; iso ten un gran valor e pode supor maior calidade de vida para os galegos. Porque o acordo vai supor gran potenciación do mundo cultural lusófono».

O ex presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Xosé Manuel Sarille, conclúe nun libro recente sobre as políticas seguidas co idioma galego que «non hai futuro sen vincular o galego co portugués, e non a través da filoloxía, para que o galego cumpra funcións útiles e non sexa somentes un instrumento doméstico de disquisicións identitarias e reflexivas». A Mesa considerou onte un avance que o presidente do Goberno español, Rodríguez Zapatero, non se opoña a que as televisións portuguesas se poidan ver en Galicia, e organizou esta semana unhas xornadas que precisamente defendían a aproximación das culturas galega e lusófona a través do idioma. Nelas, o ex eurodeputado Camilo Nogueira e outras persoas defenderon a converxencia ortográfica de galego e portugués.

Carlos Quiroga, directivo da Asociación de Escritores que se ocupa da relación cos países lusófonos, e con libros recentemente editados en Portugal e Brasil, afirma: «Outra casa común é posible na lusofonía. Unha gramática e ortografía comúns, abertas ás diversidades, que contemplen tamén as galegas, poden axudar a sermos máis felices con elas. Sempre admirei o discurso integrador español cos países da mesma lingua; os galegos podemos facer o mesmo coa lusofonía».