Chano Piñeiro na memoria

Tucho Calvo

CULTURA

Un libro recolle en fotografías e nas palabras dos seus máis achegados a profunda pegada que deixou o cineasta

11 dic 2007 . Actualizado a las 20:17 h.

Os amigos de Chano Piñeiro

é un fermoso libro marcado pola única eiva de non estar á venda e de ter sido concibido como agasallo para quen asistiron no seu día á entrega do premio institucional que leva o nome do malogrado cineasta e que organiza a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta.

Coordinado polo profesor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández coa colaboración da viúva de Chano Piñeiro, Mariluz Montes, e mais do seu grande amigo e socio na produtora, Ángel Viñas, o libro recolle máis de medio cento de testemuños de persoas que mantiveron con Chano unha estreita relación de amizade.

Como adoita acontecer con este formato de obra colectiva, o resultado é un mosaico cheo de matices e non poucas coincidencias que á postre poñen de manifesto a fonda pegada que o cineasta deixou tanto pola súa personalidade como pola teimosa idea de poñer en marcha un cine propio de Galicia e para Galicia.

Escritores, xornalistas, actores, músicos, directores, críticos, pintores e técnicos do audiovisual, pero tamén médicos, arquitectos, empresarios, enxeñeiros, profesores e políticos comparten espazo coas persoas máis achegadas ao propio Chano para nos conducir pola súa vida e obra. Entre elas, Ángel Luis Hueso, Antón Louro, Miguel Suárez Abel, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Ángel Vence, Uxía Blanco, Fernando Franco, Fernando Quessada, Xosé Luis Méndez Ferrín, Antón Sobral, Álvarez Pousa, Xosé Luis Barreiro, Alfredo Conde, Francisco Rozados Rochi, María do Carmo Kruckenberg, María Xosé Porteiro, Xoán Acuña e Xavier Villaverde.

O libro (23,5 x 33 centímetros), editado en rústica, fai un percorrido pola cinematografía de Chano, desde Os paxaros morren no aire ata O camiño das estrelas pasando, entre outros traballos, polas inesquecibles aventuras -e os sorprendentes resultados- de levar á pantalla os proxectos de Mamasunción e Sempre Xonxa .

Un traballo inicial de Mariluz Montes, sen dúbida interesante para completar a biografía persoal do cineasta, e outro firmado polo coordinador da obra, Miguel Anxo Fernández, no que nos achega os aspectos máis profesionais de Chano, contribúen a situar perfectamente a esencia do volume antes de entrar nas evocacións que con fortuna diversa realiza tan nutrido grupo de amigos.

Outro dos valores importantes do libro ao longo das súas preto de 150 páxinas é a selección de fotografías que ofrece, entre as que figuran moitas inéditas e tiradas do propio arquivo persoal de Chano Piñeiro, coas que se completa esta visión coral sobre un nome clave do noso cine.