«Tocoume a gaita como me podía tocar un ukelele»

La Voz

CULTURA

28 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Manuel Budiño considera que o importante é a música, non as etiquetas. «O que me gusta da música é que a xente entre nas pezas e baile e dea palmas». O gaiteiro asegura que «ese é o espírito da música». «A min tocoume a gaita como me podía tocar un ukelele, tentaría facer música igual». Explica que no seu novo disco se perciben todas as influencias de músicas variadas e «a intención de mesturar estilos aparentemente distantes.

-Pero a gaita é un instrumento moi identificado co folk, como se non tivese outras aplicacións.

-Esoutro día estiven tocando no concerto de Deluxe na sala La Riviera, en Madrid. Era o seu concerto e o seu público, pero eu saía a tocar pop coa gaita e o público respondeu estupendamente. Eu quedei sorprendido da entrega da xente e de cómo Xoel conectou coa xente. Pero tamén de como a gaita encaixa en calquera circunstancia.

-¿Hai contaxio entre os públicos?

-Esa é unha das vantaxes destas colaboracións. Valen para que xente do folk ou da música tradicional escoite pop, pero tamén vale á inversa, para que xente do pop, onde se supón que están as maiorías, se poidan achegar a outras músicas. Tamén vale para demostrar que música hai unha e que se pode facer calquera tipo de música con calquera instrumento. Esa é a vantaxe.