Cinco mil linguas galegas

A CORUÑA CIUDAD

Nenos de toda a comarca coruñesa percorreron onte a distancia que separa a Torre e os xardíns de Méndez Núñez para reivindicar o uso do idioma da comunidade

07 may 2008 . Actualizado a las 11:48 h.

A torre de Hércules volveu ser onte o punto de partida dunha iniciativa que ten como obxectivo reivindicar unha maior utilización do idioma galego. Nesta nova edición do programa Correlingua -que este ano se iniciou na Coruña e que agora percorrerá outras cidades da comunidade- participaron preto de cinco mil rapaces procedentes de toda a comarca coruñesa, ademais dun grupo de nenos do Bierzo, que tamén quixeron sumarse a este proxecto.

Como en edicións anteriores, sobre as once da mañá, os participantes partiron da explanada da Torre e camiñaron por boa parte do paseo marítimo ata chegar á meta deste traxecto, situada nos xardíns de Méndez Núñez, onde se organizou unha gran festa. Unha exhibición de capoeira serviu para comezar este programa de actividades lúdico-festivas, que estiveron presentadas polos actores da compañía teatral Chévere, que tamén puxeron o seu gran de area na celebración. Ademais se deron a coñecer os nomes de todos os centros que participaron nesta edición do Correlingua , así como dos gañadores do concurso musical da comarca, que recaeu no grupo Relúa (Arteixo). A festa rematou cun gran sorteo de regalos entre os asistentes.