«Ao meu pai matárono por roxo»

A CORUÑA

12 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Dolores García Suárez (A Coruña, 1923) garda na memoria os fusilados polo intento da fuxida do Portiño o 3 de marzo do 1937. Ela, que hoxe será homenaxeada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, recita nomes de xente que estivo presa co seu pai, José García Vázquez, ao que fusilaron no campo da Rata, tras ser condenado a morte, xunto con outros 17 homes, do centenar que pretendía fuxir do réxime franquista.

-¿Que era o seu pai, para ser fusilado?

-Realmente non o sei, pero veu sendo socialista. Ao meu pai matárono por roxo. Ninguén o sabía, non dixo nada a ninguén. Só a súa nai sabía que ía marchar a noite que o prenderon.

-Nunca negamos que o meu pai fose fusilado [intervén o seu irmán Paco, tres anos máis novo].

-¿Como o colleron?

-Estaba sentado nunha fonte, pola mañá. A min díxomo unha veciña. Polo visto, ían coller un barco para fuxir a Francia, pero outros homes que ían ir con el viñeron preguntando polo Portiño e foron delatados por unhas mulleres do Agra do Orzan, que eran de dereitas.

-Visitouno no cárcere.

-Ía cando non podía ir a miña nai, había que irlle levar a comida todos os días, mamá esperaba polas comunicacións, pero eu colábame. Nunca me dixo por que estaba alí, só que desexaba saír, coma todos. Miña nai pediu a súa liberdade, pediulle ao fiscal o indulto. O indulto chegou, pero tarde, xa non esperaron. Matáronos no campo da Rata, e deixáronos alí, coma cochos. Despois un conserxe de San Amaro díxome onde estaba soterrado. Levámoslles flores ata que desapareceron.

-¿Como o pasaron tras a súa morte?

-Moi mal, despois fomos oito fusilados [di Paco, polos sete irmáns e pola nai].

-A Garda Civil levou moitas veces a mamá, incluso ameazárona con cortarlle o pelo se non falaba.

-¿Algúns dos irmáns meteuse en política, despois?

-Todos fomos socialistas, aínda que ningún estivo no partido. Fómolo toda a nosa vida. Papá non non explicou nada, só dicía que cando fose maior íame ensinar libros moi bonitos. Papá non nos quería sen escola, pero tivémola que deixar e poñernos a traballar.

-¿Gústalle a homenaxe?

-Teríana que facer fai 20 anos, cando aínda estaban as viúvas. Imos os fillos dos fusilados, pero como as viúvas non somos.