Imagen:

Poza, un pintor e político moi comprometido coa cultura

Foi concelleiro en Culleredo polo PSOE e deputado provincial


02/12/2016 05:00

Pintaba rostros perplexos, mirándonos desde o outro lado do espello, cun interrogante na mirada, sumidos no mesmo desconcerto co que os seus familiares e amigos nos vemos hoxe na obriga de despedilo nesta viaxe prematura, talvez cara eses mundos que reflectía na outra temática principal da súa obra, onde se albiscan siluetas de cidades invisibles, espazos poboados de xeometrías que trazaba como quen constrúe os alicerces dunha utopía.

Amigo dos amigos, xeneroso, traballador incansable desde a Concellería de Cultura de Culleredo, á que chegou en 1983, ou desde a Deputación da Coruña, na que dirixiu ricazmente a sección de Cultura, militaba no PSOE desde moi novo, con dedicación plena ao partido e cunha lealdade non sempre correspondida. Tino era un home grande, no máis amplo sentido da palabra, como un personaxe ciclópeo saído da Odisea, de principios sólidos, de vontade férrea e de ánimo doce. O seu compromiso xa lle viña de raíz, dunha familia republicana de Pontevedra moi significada na loita contra o fascismo.

Dinamizador creativo e impulsor de múltiples iniciativas, situou a Culleredo nun lugar principal, cunha programación propia dunha gran cidade, onde se dan cita os festivais de jazz ou as primeiras edicións do Foundation Reggae, os ciclos de teatro, referente para as artes escénicas, ou os numerosos encontros cos artistas plásticos e os poetas, que tamén organizaría en numerosas edicións desde a Deputación, no pazo de Mariñán. A Biblioteca da Poesía Uxío Novo Neyra ou o Xardín Botánico son infraestruturas fundamentais do seu proxecto cultural. Tamén é preciso salientar a súa dimensión como promotor e artista desde a Asociación de Artistas Plásticos (ARGA). Nste ámbito presentou a súa última exposición pictórica que, ironías do destino, titulou Escolma de Urxencia.

Celestino Poza pertence a unha xeración nacida baixo o signo da revolución cubana, criada na esperanza do home novo e a miúdo desencantada coa realidade e a deriva dos tempos. Pero Tino era un home vital, navegante tenaz da Cultura. Hoxe as redes sociais son un inmenso libro de condolencias e todas as palabras converxen nunha aperta moi fonda para a súa familia, en especial para Bea e para os seus fillos Catarina, Roi e Luis. «A pintura é un espello que alimenta o futuro» di o poeta Miguel Anxo Fernán Vello. A

nós, os teus amigos, Tino, quédanos o consolo da amizade para transitar no medio deste territorio estremecido.

Gustavo Pernas é dramaturgo e director teatral.

Votación
1 votos
Etiquetas
Arte Diputación de A Coruña PSOE Teatro Música Jazz Culleredo
Comentarios