O lector do paraíso

Se o salmón río arriba voltara


30/11/2016 05:00

Hai 3 anos ceibaron crías de salmón no Anllóns, coa esperanza de que a vida se abrira camiño, augas arriba, onde o río escoa gardado polas encostas de Beres e Corcoesto. Esperanza de que voltaran tempos idos, e os salmóns adultos regresaran para completar o seu ciclo vital. Agora chegan novas de que o peixe maior volveu ao río. Mentras isto escribo, recordo os versos de Bernardino Graña, daquel libro Se o noso amor e os peixes. O salmón, polas augas do Sar, o río de Rosalía, a soñar puros lagos. A poesía de Bernardino tivo sempre un fondo de amor pola natureza, que o poeta, como nunha cantiga medieval, asocia co outro amor.

 

E agora o salmón regresa ás augas que máis amamos. Parece que nalgún dos pozos e das fervenzas foron localizados diversos exemplares. Cando sobes polo río Anllóns baixo o bosque de cúpula, nas beiras podes ollar as pegadas das londras e dos furóns, as plumas dunha pega rebordá cazada polo azor, o voo dos lavancos sorprendidos nunha revolta. E agora, como noutrora, o libro aberto do río ofrécenos tamén o regreso do salmón.

Cando neno, na miña familia aínda se fala dos salmóns pescados nunha tarde afortunada dos anos cincuenta. Deberon ser dos últimos pescados naquel tempo, antes de que desapareceran.

O salmón é a letra capitular do códice calixtino dos nosos ríos. Unha letra debuxada por un artista iluminador que non aforrou a decoración floral de carballos e freixos, de loureiro e acivro, en fermosas cores de estilo bergantiñán, ou se tal, dixeramos dun gótico moi achegado. E nós soñamos ser os lectores dese códice, onde a vida se ofrece esencial e diversa.

Votación
4 votos
Etiquetas
Río Anllóns Bernardino Graña Códice Calixtino
Comentarios