«Podemos ter goberno ou desgoberno»

v. couto, p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

s. g.

A conselleira incide en que o PP leva medidas para facer que a Costa da Morte sexa realmente unha oportunidade

23 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ethel Vázquez (44 anos), conselleira de Infraestruturas e Vivenda, vai de número 9 na lista do PP. Visitou Radio Voz Bergantiños, onde contou que a campaña se está levando con ilusión, «explicando o noso programa, porque temos propostas». Di que domingo se decidirá o futuro de Galicia e da Costa da Morte. Incide en dúas alternativas: «Podemos ter goberno ou desgoberno». Para ela, o PP ofrece traballo serio, estabilidade e xestión. Nacida en Santiago, viviu en Ponteceso ata os 14 anos, pois os seus pais eran mestres no Eduardo Pondal, no cal estudou ata oitavo da EXB. Despois mudáronse á Coruña. É enxeñeira de Camiños, Canais e Portos. Vai por primeira vez nunha lista e antes de ser conselleira foi presidenta de Augas e directora da Axencia Galega de Infraestruturas. Ten tres fillos, de 9, 6 e case 2 anos [a pequena cumpriraos mañá].

-¿Que cre que aportou á comarca neste tempo como conselleira?

-En realidade non é un traballo da conselleira, senón colectivo, como eses 27 quilómetros de autovía libres de peaxe, nos peores momentos económicos. Outros, nos mellores, puxeron dúas, tres, catro ou cinco pedras. Fíxose iso e máis. Temos o plan de transporte metropolitano, un plan social que agora reforzamos coa Tarxeta Xente Nova, cunha importantísima función educativa: fomentar o uso do transporte público. Temos o programa de vivendas baleiras, un plan de incentivos para a venda de solo empresarial, temos o Plan de Sendas...

-¿Que teñen previsto para mellorar o transporte nesta comarca?

-É un desafío e un reto ordenar ese transporte público por estrada en Galicia e por suposto no rural. Vai no noso programa electoral o transporte a demanda: levar o autobús a onde faga falta e cando faga falta. Mentres, o que temos que facer é velar por que o servizo se preste con calidade e se cumpran as obrigas que teñen as empresas. Así o viñemos facendo, e seguiremos, se temos a confianza dos galegos e galegas. A aposta polo transporte público é tamén unha aposta por actuar e reparar as instalacións. Estamos facendo obras na estación de buses de Carballo: hai deficiencias na xestión e estamos traballando para sacar esa nova concesión con garantías.

-¿Algún plan que lle ilusione especialmente para esta zona?

-Hai moitísimo que facer, é unha zona con vocación agrogandeira, pesqueira... Pero persoalmente creo que o maior desafío e ese do transporte público por estrada. Polo demais, temos que traer á xente ao rural, no rural temos unha oportunidade. Hai que poñer en valor eses produtos de calidade, a pataca de Coristanco e outros exemplos. A autovía pode poñelos no mercado de forma máis rápida. Temos prevista unha nova Lei de Agricultura para potenciar que o medio rural sexa medio de vida, así como esa aposta na que xa levamos traballando pola rehabilitación, préstamos a interese cero e impostos autonómicos cero para quen queira mercar vivenda no rural: mozos, familias numerosas... Temos medidas para que o rural, a Costa da Morte, sexa realmente unha oportunidade.

-¿É vostede de mirar as enquisas ou de agardar a que chegue o día?

-A día de hoxe non temos un voto. O que agardo que a xente reflexione sobre o que se está a xogar: son 4 anos de goberno ou 4 anos que na miña opinión poden ser un lío. Temos a experiencia do bipartito.

-De darse o caso, ¿ten ganas de seguir á fronte da súa consellería?

-Á disposición de Feijoo, e co meu agradecemento ao presidente, con quen foi un luxo aprender, por ter contado comigo. A Administración pública gústame, poder contribuír a dar solucións. Entendemos a política cunha xestión detrás.

-¿Para cando esa finalización do proxecto inicial da autovía?

-É outro dos desafíos. É a noso obxectivo licitar este ano ese proxecto construtivo, a prolongación ata Vimianzo. Xa está na mesa de traballo. Agardaríase entón que a finais do 2017, principios do 2018, pero en calquera caso canto antes.

Cuestionario

1. ¿Cales son as súas propostas con respecto á autovía?

2. ¿E sobre o Parque do Megalitismo da Costa da Morte?

3. ¿Que medidas contempla con respecto ao sector da pesca?

4. ¿E con respecto ao agro e ao despoboamento do medio rural?

1. Démolo todo para eses 27 qm. e seguiremos traballando arreo pola vertebración.

2. Seguiremos apostando por iniciativas que preserven e poñan en valor ese patrimonio que temos aquí: arqueolóxico, cultural, artístico... Vímolo facendo con actuacións. Traballaremos de forma continua por isto, pero gústame ser clara e realista, e penso que son iniciativas que temos que poñelas en marcha acorde ás necesidades orzamentarias e coherentes con respecto ao conxunto das necesidades da zona.

3. Galicia é pesqueira. É un sector que está pasando situacións complicadas. A nosa aposta é seguir con esa estratexia que conseguiu incrementar nos últimos anos un 13 % a cuota pesqueira. Datos, informes e argumentos ante a UE. A nosa aposta é polo conxunto do sector, non por sectores independentes.

4. Veño do rural e non entendo unha Galicia próspera sen un rural vivo. No noso programa temos unha clara aposta por el e para que a xente se veña a vivir a el: falaba antes de rehabilitación, impostos cero, nova lei de agricultura, posta en valor de produtos agroalimentarios, diversificar o cultivo forestal... Ordear, modernizar...