«O problema do consumo de drogas segue moi presente»

ÁNGEL PALMOU CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O responsable da entidade carballesa revalidou onte un cargo que xa ostenta desde a súa fundación, en 1991

28 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Dúas décadas despois da creación de Vieiro, José Manuel Vázquez Gómez acaba de revalidar o seu cargo á fronte de esta asociación antidroga carballesa. No balance destes anos de actividade apunta as sombras da pervivencia desta lacra social e as luces do traballo feito e das vidas reconducidas. Por iso amósase disposto a seguir un pouco máis na primeira liña, «ata cumprir o ciclo dos 25 anos», pero reclama tamén un maior apoio das autoridades. «Están un pouquiño de brazos caídos en aspectos como o control da venta de alcohol a menores», denuncia.

-¿Non resulta duro estar tanto tempo á fronte dunha entidade deste tipo?

-É un labor ingrato, porque nestes 20 anos teño visto de todo, pero hai que ter moral e entusiasmo, porque fai falla xente disposta a informar e axudar, e aquí témola. A pesar dos sinsabores hai tamén alegrías, como cando logras que un rapaz deixe de consumir e entre nun programa de rehabilitación.

-¿Cal sería o resumo destes 20 anos de traballo contra as drogas?

-O balance é bastante positivo, porque no ano 91, cando empezamos, había unha situación moi grave. Na actualidade, levamos xa 8 ou 9 anos facendo traballos de prevención nos colexios e institutos, aínda que a situación non mellorou gran cousa, porque o problema do consumo de drogas sigue aí presente, cos cambios na familia, na xuventude e no perfil de ocio, que hoxe en día é de risco. Pero se Vieiro non existise sería aínda peor.

-¿A entidade dispón de medios suficientes para o traballo que desenvolve?

-Os medios son escasos, pero así e todo estamos facendo un labor intenso. No último ano desenvolvemos 17 programas. A implicación da familia é vital, pero vai por contagotas; das 5.000 prazas que ofrecemos na escola de pais só ocupamos 175. As familias creen que os seus fillos non van caer na droga, que iso é algo que lle sucede aos demais, pero nós tratamos de que se involucren e participen.

-¿Por onde debe ir o traballo no eido da prevención?

-O tema do alcohol, por exemplo, é primordial, porque un rapaz cuns cubatas é máis doado que caia noutras cousas. Por iso é importante traballar na prevención do consumo. Hoxe en día hai rapaces que xa comezan a consumir aos 11 anos e medio. Outro elemento novo que está xurdindo é o dos problemas de conduta por parte dos rapaces, porque aínda que non haxa problemas de drogas ou alcohol ao principio pode acabar derivando neles.

-¿Como é a colaboración de Vieiro coa Administración ou con outras entidades?

-Colaboramos con todos aqueles que queren colaborar con nós. No ámbito municipal xa o facemos co Concello, que nos presta axuda en todos os aspectos: no económico, transferíndonos a subvención da Xunta; no administrativo e cedéndonos o local. É moi importante para nós, e temos que estar moi contentos e agradecidos. A cambio, nós comprometémonos a facer o labor de prevención que precisa Carballo.

-¿Cal é o futuro a curto e medio prazo da entidade e do traballo que fai?

-É preciso que as autoridades públicas aclaren a súa posición ao respecto, porque está habendo bastantes recortes económicos; a nós rebaixáronnos 10.000 euros este ano. O noso obxectivo é seguir loitando e que a xente saiba que seguimos traballando. E a miña intención é seguir ata cumprir o ciclo de 25 anos en Vieiro.

JOSÉ MANUEL VÁZQUEZ GÓMEZ PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN VIEIRO