Criado entre Muros e A Coruña, Luís Rei asegura que sente a Costa da Morte como o seu territorio natural. O xornalista acaba de publicar Cita en Fisterra (Xerais, 2011), unha novela onde un viaxeiro vai de Muros a Caión en sete días.
Para o autor, Fisterra non se limita a un termo municipal, senón que se refire a todo un territorio ao que denomina o Condado do Solpor.
A publicación non é unha descrición das fermosas paisaxes da costa. Máis ben convértese nunha crítica á falta de respecto aos recursos. Rei Núñez é consciente de que «a actividade económica é fundamental, pero débese harmonizar co respecto polo medio natural». Non sé refire só ao feísmo ou ao urbanismo desmesurado, senón tamén á piscifactoría de Touriñán e á falta de coidado do legado de Man ou das obras de Urbano Lugrís expostas na Confraría de pescadores de Malpica. Por iso cre que «a gran materia pendente é aprender a coidar o patrimonio». Lonxe de culpar unicamente aos políticos, afirma que «están postos aí polos cidadáns, polo que a responsabilidade é de todos».
Para o escritor, o futuro da zona pasa pola pesca «como vén sendo secularmente» e o turismo. Por iso, «corremos o perigo» de que aqueles que deciden rematar o Camiño en Fisterra «pola compoñente mítica que ten alcanzar a fin da terra» se sintan decepcionados ao chegar e «atoparse algo pouco coidado e que non responde ás expectativas» que portaban na súa mochila.
uN CAFÉ CON... lUÍS rEI nÚÑEZ
-¿Que lle gustaría ler no xornal?
-Por exemplo, sería unha boa nova ler que en Galicia rematou a emigración.
-A felicidade é...
-Estar a ben con un mesmo e rodeado das persoas que queres e ás que queres.
-¿É máis de falar ou de escoitar?
-De escoitar.
-Unha frase que repite moito.
-Algo que lle aprendín ao meu avó: «Ollo á boia».
-¿Os seus zapatos favoritos?
-Calquera que sexan cómodos, para camiñar bastante.
-De non ser xornalista, tería sido...
-Arquitecto ou xeladeiro, facendo xelados á maneira italiana.
-¿Versión orixinal ou dobraxe?
-Depende. Non se pode negar que é máis cómodo ver as películas dobradas, pero a visión que obtemos é un pouco incompleta porque non está aí a voz dos actores.
-¿Usa Internet no móbil?
-Non, o certo é que son bastante negado para eses aparellos.
-Se puidera vivir outra vida, sería...
-Eu mesmo e cometendo os mesmos erros.
-¿Que toma no descanso de media mañá?
-Só auga do tempo. Non aguanto moito a vida nocturna e polo tanto esperto moi cedo. A esa hora só tomo auga..