«Este disco é unha homenaxe á xente que sempre está aí»

ángel palmou CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

O grupo cercedense presenta hoxe o seu deuvedé «Zënzar en vivo»

16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Case un cuarto de século despois de botar a andar, os cercedenses Zënzar (nun primeiro momento Mordor) aparcarán esta noite os seus sons máis potentes para estrearse no formato acústico e presentar en A Taberna (22.00 horas) e diante do seu público o seu novo traballo, Zënzar ao vivo-Cerceda 09. «Será unha gran brincadeira rodeados dos nosos amigos», anuncia Xosé Bocixa, fundador e voz do grupo.

-¿Como se decidiron a gravar un deuvedé en vivo?

-No 2009, estabamos presentando o disco anterior, A Tribu, e Machina o seu Post-Bravú e como a asociación Lucerna non fixera festival propúxonos tocar no Campo da Feira. Xa que estabamos os dous grupos decidimos gravalo para despois poder editalos, e o noso xa está aquí. Pareceunos interesante conservar un concerto en directo e ademais diante de moitos dos nosos seguidores. Xuntouse case toda a tribu roqueira e houbo un ambiente fenomenal. O disco é unha homenaxe a toda esa xente que sempre está aí con nós, cantando, saltando, e tamén aos nosos colaboradores. Ademais, recolle o espírito de Zënzar.

-¿Por que tardou dous anos en materializarse este traballo?

-Non tiñamos présa. Gravámolo en abril do 2009 e foi no 2010 cando empezamos a pensar en darlle saída aproveitando que xa estabamos traballando no próximo disco de estudio, que sairá para abril do 2012. Nun principio tiñamos pensado lanzalos conxuntamente, pero despois pensamos que era mellor facelo por separado e que o público puidese elixir se quere os dous ou só un.

-¿Que atoparán os fans neste deuvedé?

-A forza de Zënzar en directo. O estudio é unha cousa e o directo outra. O característico de Zënzar é a forza, a contundencia, o corpo a corpo, o ambiente. Tamén haberá voces amigas, que non é o mesmo que buscar só grandes voces da música para que falen de nós, senón grandes amigos da música, como Sés, que daquela non era tan coñecida; Pablo Dalama, Martín Loureiro... Só faltou Vituco Neira, que ese día non puido estar.

-¿Como marchan os preparativos do próximo disco de estudio?

-Empezamos a gravar en novembro e xa está moi avanzado. Quedan algúns arranxos e as mesturas, pero estará listo para abril.

-¿Como será ese disco?

-Zënzar ten unha liña e un son inconfundibles, pero tamén unha evolución continua. Fomos madurando, facéndonos maiores e gozando máis da música. Ao principio faciamos moitas máis cancións de turrar contra o mundo e agora temos máis coñecemento musical. No disco haberá temas que se diferencien moito das do principio, pero a maioría si terán o toque Zënzar.

-¿Cal é o segredo para manter vivo un proxecto musical durante case 25 anos?

-Ser un grupo de amigos. Iso é o primordial, e tamén o feito de ir evolucionando. Tamén é importante non sentir presión polas vendas, por ser famosos nin por vivir da música, aínda que seguímolo intentando. Anos atrás Extremoduro e Platero y tú propuxéronnos ir de xira con eles por todo o país, pero dixemos que non porque pareceunos que o noso mundo era o territorio galego. Se cadra hoxe ao mellor fariámolo. En definitiva, o segredo é tomar as cousas con calma; se hai que berrar berramos, pero despois imos a tomar unhas cervexas todos xuntos.

-¿Cambiou moito o panorama musical galego neste tempo?

-Deu un xiro impresionante. Cando nós demos o primeiro concerto había só catro grupos tocando en galego por Galicia. Agora hai centos e moitos músicos dun nivel impresionante. Tamén cambiaron as ferramentas para gravar e darse a coñecer, Internet revolucionouno todo. O noso primeiro disco foi coma un soño e firmamos por tres discos con Edicións do Cumio, pero decidimos romper o contrato para manter a nosa independencia e ser donos da nosa música.