As sete bandas de Corme reviven nunha emotiva homenaxe

S. g., á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

A agrupación Eduardo Pondal encheu de música e recordos as rúas da vila

27 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A intensa tradición musical de Ponteceso fai que estes sons sexan xa un elemento indisoluble da vida cultural e social do municipio bergantiñán. Por iso, xornadas coma a vivida o sábado en Corme son capaces de congregar a numerosos veciños e por iso mesmo, esta convocatoria transcendeu o que sería un simple concerto para converterse nunha cita chea de emoción e sentimento.

En plena celebración dos actos de Nosa Señora dos Remedios e doutra cita de crecente arraigo no calendario festivo local, coma o Fin de Ano outonal, a música encheu as rúas cormelás da man da Banda de Música Eduardo Pondal e permitiu aos veciños contaxiarse, xa coas saetas que acompañaron á procesión matinal, dunha emoción que alcanzou o seu cumio nos actos que xa pola tarde tiveron por escenario a praza do Pan.

A formación que dirixe Jesús Méndez Torrado, tamén coñecido coma Suso de Basilio, foi a encargada de rescatar o legado das sete bandas tradicionais da localidade. E como herdeira desa rica herdanza musical Méndez e os seus músicos lembraron aos presentes que en Corme naceron, entre finais do século XIX e o comezo da Guerra Civil, un bo puñado de formacións, representadas todas elas no acto do sábado polas sete rosas vermellas da ofrenda floral que puxo o punto final á velada.

As sete bandas

A última delas, La Nueva de Corme, fora creada fai agora 75 anos na fronte de Teruel por un grupo de 25 rapaces de Corme e Tella que coincidiron alí, xunto ao pai de Jesús Méndez, Basilio Méndez Facal, coma director. Pero o acto deste sábado, ademais de para conmemorar dita efeméride, serviu tamén para lembrar á Banda dos Gaiteiros, creada por José María Álvarez Vecino en 1895; á Banda de Cotelo, fundada pouco despois por Ramón Lema Cotelo; á de Manolo, impulsada por Manuel López Vázquez, xa no 1922; a La Nueva Lira (Jesús Méndez Alvarellos, Gamallo, aló polo ano 1925), a La Humorística (José María Álvarez Canto, 1933) e á Banda de Froxán (Eliseo Lema Alvarellos, 1932).

Animado repertorio

El Sitio de Zaragoza, en lembranza de La Nueva de Corme, Puenteareas, María la Portuguesa ou a Polka do Barril foron algunhas das pezas do animado e variado repertorio do recital. Nin sequera faltou unha chiscadela á outra das celebracións do día, posto que tal coma manda a tradición vienesa, a Banda Eduardo Pondal sumouse ao fin de ano cormelán interpretando a marcha Radetzky, que foi recibida polo público con gran ledicia e -coma é costume tamén- coas súas palmas.

E como emocionantes colofóns, unha das pezas que ningunha das sete bandas chegou a interpretar: o Himno galego. E un desexo feito petición ao alcalde, José Luis Fondo Aguiar, por boca de Méndez Torrado: que o Concello non deixe esmorecer un legado único na bisbarra e que constitúe parte do patrimonio común de todos os veciños, a tradición das bandas de música.

lembranza musical aniversario e memorial

A localidade viu nacer sete formacións entre finais do século XIX e o ano 1936