Ciclistas no Camiño

Roberto Traba

CARBALLO

09 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

TTeño uns amigos manchegos coñecidos polo seu slogan de Bebe y lucha que fixeron unhas camisetas nas que estamparon: «Ni un día sin vino, ni una bici en el Camino», porque pensan que as bicis o único que fan é estorbar aos auténticos peregrinos que, segundo eles, son os que veñen a pé. Con isto quero dicir que os ciclistas, polo xeral, non están moi ben vistos no Camiño, máis que nada porque a meirande parte deles pasan disflechados, a toda pastilla, sen avisar e sen tocar o timbre, así que cando están á túa beira normalmente danche un susto de marca maior. No entanto, moitos destes modernos viaxeiros que viaxan en velocípedos traen, ademais das alforxas no sillín, algunha que outra historia emocionante ou polo menos sorprendente, como a que nos contou a Kiko ?F? Montes, (acordeanista do famoso grupo Os Estopacaldeiros que no seu tempo libre dedícase a ser alcalde de Rábade) e a min, un bicigrino chamado Italo Zilioli, á sazón sete veces facedor dos diferentes camiños que chegan a Fisterra, ao que coñecín fai xa dous ou tres anos, pero co que non tiven o gusto de intimar ata fai uns días, nunha noite na que quedamos a contos na Galería ata máis alá da media noite.

Italo é un home pequeniño, profesor de música, de poboado mostacho, italiano de Bérgamo, que parece ter esa estraña cualidade da xente educada que é a de pasar prudentemente desapercibido, así que ás veces está sentado nun taburete fronte a unha cervexa pero semella que non está. A verdade é que nunca se me ocorrera preguntarlle por que sempre facía o Camiño en bicicleta, quizais porque as nosas conversas nunca foran alá moi longas, pero este ano, grazas á intervención dialéctica do meu alcalde estopacaldeiros, puiden saber que Italo vén dunha afamada familia de ciclistas italianos de quen o máximo expoñente é un seu curmán, chamado tamén Italo Zilioli, que foi corredor profesional na década dos sesenta, época na que gañou varias etapas do Tour, competición da que chegara a ser líder e da que conserva varios maillots amarelos, e que quedou, así mesmo, segundo na clasificación xeral do Giro de Italia en tres ocasións detrás de Gimondi, Mota ou o mitico Eddy Merx, do que tiña a gala ser amigo. O meu curmán era amigo de Merx e tamén de Xosé Manuel Fuente, coñecido como El Tarangu, corredor do famoso equipo Kas, repetía fachendoso.

Unha das mágoas máis grandes dos curmáns Italo Zilioli foi a desaparición dun tío deles, ciclista tamén, que morrera durante a guerra civil e que se chamaba (¡que casualidade!). Italo Zilioli. Este terceiro Italo Zilioli formou parte do Corpo Truppe de voluntarios fascistas enviados por Mussolini como axuda a Franco, e foi un dos 486 mortos ou dos 1.546 soldados italianos desaparecidos na encarnizada batalla de Santander. Segundo Italo, o peregrino, o seu curmán Italo, o ciclista, intentou averiguar sobre a desaparición de Italo, o soldado, axudado polo seu amigo Fuente, O Tarangu, nos tempos nos que corría a Volta a España, pero a súas investigacións non deron resultado.

Para rematar a historia, o noso amigo contounos que cando caeu o réxime de Mussolini, en abril do 45, o seu pai, Rafael, que era irmán do soldado fascista desaparecido en Santander, saíu festexar o fusilamento do Duce, así que Bernardo, o avó dos Zilioli, marchou detrás del a berrarlle que como podía celebrar a vitoria duns comunistas que mataran ao seu irmán na guerra de España!

Cando o noso bicigrino acabou de contarnos esta inverosímil pero certa historia, Kiko, que ata ese momento mantivérase calado, dixo que este conto semellaba o guión dunha película de Berlanga, tipo La vaquilla, na que amigos e irmáns loitaban en bandos contrarios. Eu pola miña parte, quedei cavilando, pensando en que as cousas que pasan no mundo non son tan diferentes das que pasan no noso, e ata estiven a piques de dicirlle ao meu amigo o peregrino ciclista Italo Zilioli Primeiro que se puxera en contacto con Garzón, polo asunto ese da memoria histórica, pero non me atrevín, porque naquel intre dubidei se sería politicamente correcto.