Unha vida dedicada a un pobo

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Casa Ovidio acolle a presentación do libro póstumo de José Rojo

04 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai moi poucas persoas que lle dediquen gran parte da súa vida de forma desinteresada e sen pedir nada cambio a un pobo. Pois ese foi José Rojo Valiña, popularmente coñecido por Pepe de Valiña. Foi o home dos coches engalanados polas festas de San Cristovo, o promotor das representacións teatrais do cine Pomares, o fundador, presidente ou animador de case media ducia de; a voz cantante de varias comisións de festas, o inventor da Cooperativa da Unha, debuxante, escultor e tamén poeta. As súas últimas composicións en verso son mostra dunha alma esgazada pola dor, un laio cheo de sufrimento e desesperanza. Os seus derradeiros días foron como unha espiña que furgaba no corazón como un ferro candente ata facelo desangrar.

José Rojo Valiña deixou escrito un libro sobre Baio para financiar a súa última paixón, o coro Xan Mella. Nun feixe de cadernos e papeis quedaron en herdo os textos que a filóloga Marta Rei Lema se encargou de editar para convertelos nunha publicación de 255 páxinas cheas de información, verbas sentidas e importante colección de fotografías de grandes momentos de Baio. Di Marta Rei no seu prólogo que José Rojo quería facerlle con este libro unha homenaxe a Baio e das súas xentes. «Nós decidimos aproveitalo para facerlle unha pequena homenaxe a Pepe», sinala a editora no prólogo.

A proeza editorial é, por outro lado, o froito da teimosía das irmáns do finado, Olga e Teresa Rojo, que queren reverter este esforzo convertido nun volume moi digno cedendo os beneficios que poida dar a publicación a fins culturais. Hoxe preséntase na Casa Ovidio, ás nove e media do serán. Alí estarán o presidente actual da asociación Pepe Valiña, Antonio Díaz Amor; a editora do libro, Marta Rei Lema; o alcalde, Manuel Muíño, e Xosé María Lema Suárez.

Un percorrido pola historia

«Na marxe do río Porto, río Rabiñoso ou agora tamén río Grande, ao abrigo do monte Castelo, rodeado de fértil campiña e espesos piñeiros está situado Baio, centro natural da Terra de Sonería», así comeza Rojo Valiña o seu libro póstumo, que se titula ¿Sabías que...? Baio... E...algo máis. A partires de aí veñen 255 páxinas nas que aparecen todo tipo de datos e testemuñas gráficas de todo canto ocorreu no pobo e houbo noticias dilo. Entre outras moitas cousas, fai un percorrido histórico polo último século de vida na vila soneirá. Vai dando data a data os acontecementos máis sinalados: os pequenos progresos, obras das igrexas, aparición de avances tecnolóxicos, industrias, vías de comunicación, festas, falecementos de personaxes de relevo, acontecementos culturais e moitos outros apuntamentos sen dúbida interesantes para coñecer o pasado do pobo.

É un libro asentado na mesma alma de Baio, no que se contan anécdotas e detalles que van directamente inxectados no ADN social da localidade. A feira, o nacemento das escolas, os xogos dos rapaces, as parrandas, o xurdimento de acontecementos como a Festa da Carballeira ou as celebracións de María Goretti, contadas coma se foran onte ou antonte e protagonizadas por personaxes que están na memoria do pobo, pero que xa teñen marchado hai moitos anos.

Ademais, Pepe Valiña era un gran labartiano, e como tal deixase inspirar polo poeta e a súa ironía agroma nalgunhas partes da obra, como cando conta o seu comezo na escola.

Baio é algo máis fai testemuña tamén dos rostros máis populares do pobo. Son os chamados Fillos de Baio: o músico Manuel Martínez Pose, o poeta Enrique Labarta Pose, os médicos Ovidio Santiago Vidal Vázquez, Braulio Astray e Manuel Pérez Maroño; o crego Juan Astray Vidal, o empresario José Romero Lema, o intelectual Ramón Francisco Romero Lema, os bispos Maximino Romero Lema e Uxío Romero Pose, o mestre Antonio Platas, o xeneral Ovidio Vidal, a sanitaria Consuelo Tasende Fachal, os irmáns Antonio e Ana María Platas Tasende, Jorge Mira Pérez, Xosé María Lema Suárez, Xosé María Rei Lema, Tatiana Pankrátova e Perfecto Varela Vázquez.

Algúns deles fan a súa achega persoal ao libro, como Jorge Mira ou Antonio Díaz Amor, para quen Pepe de Valiña é o Home dos mil cadernos: .

A última parte do libro recolle as creacións artísticas de José Rojo, os seus debuxos e imaxes das súas tallas, se ben máis sorprendentes son aínda as súas poesías íntimas nas que a brasa acesa que acabou cos seus días alumea os seus versos máis ardentes. Son composicións que eran descoñecidas e que, como di a que foi a súa amiga Mercedes de Paylos, sempre gardou con humildade persoal.

personajes con historia pepe valiña