«Se a historia non se escribe acabarase perdendo»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O seu é un dos cincuenta relatos que integran o libro «Yo, emigrante», que se presentou onte pola tarde en Zas

04 ago 2011 . Actualizado a las 10:42 h.

Herminia Delfina Moreira Blanco (Bos Aires, 1939) é a autora de El Americano, unha das cincuenta historias que conforman Yo, emigrante, un libro que editaron conxuntamente as asociacións Santa de Comba de Xallas e Hijos del Ayuntamiento de Zas en Bos Aires, e que inclúe relatos sobre a emigración e sobre o encontro entre os mundos galego e arxentino na diáspora. Onte presentouse no Concello zasense, dentro do programa da Semana Cultural.

-¿Que conta en «El Americano»?

-Relato a historia emigrante dos meus pais. Tanto o meu pai como a miña nai eran de Zas, onde casaron, e logo emigraron á Arxentina. Precisamente decidín titulalo así porque ao meu pai chamábanlle O Americano aquí en Galicia.

-¿Que lle supón presentar o libro na súa terra de orixe?

-Estou moi involucrada emocionalmente, porque son de Zas, ao igual que toda a miña familia. Vin por primeira vez a Galicia en 1999 e foi cando quixen coñecer a miña propia historia.

Estar aquí é como estar na miña propia casa da Arxentina.

-¿Cal é o maior recordo que garda da historia emigrante dos seus pais?

-Recordo moi ben cando miña nai se xuntaba cos demais emigrantes que vivían preto de nós, na que chamaban a Galicia Pequena, para falar das cartas que chegaban do outro lado do mar. Así, todos os recordos que teño teñen que ver moito coa morriña.

-No libro fálase dos emigrantes como transmisores dunha identidade cultural milenaria.

-Si. Hai que manter vivo o idioma. Para min o galego é moi querido. Quizais non o empreguei tanto na Arxentina, pero en canto regresei sentín que a miña alma estaba aquí. Curiosamente, alí colaboro nun programa de radio e a xente que chama pregúntase como eu, que nacín alá, sinto tanto a galeguidade.

-¿Que sentiu cando lle propuxeron formar parte do libro?

-Se a historia non se escribe acabarase perdendo. E que mellor forma de colaborar que con textos e imaxes da historia dos meus pais. É preciso manter vivo o recordo, xa que ás veces non se sabe do que a xente foi capaz de facer naquel tempo.

herminia delfina moreira blanco Autora de «El americano»