Patrocinado porPatrocinado por

«Nos últimos anos A Laracha cambiou a todos os niveis»

CRISTINA ABELLEIRA CARBALLO / LA VOZ

AGRICULTURA

Rexedor dende hai doce anos e deputado provincial dende hai oito, López Varela soa agora como candidato á presidencia da Fegamp

19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José Manuel López Varela leva media vida en política. E no seu caso non é unha esaxeración. Vinte e catro dos seus 49 anos lévaos vinculado ao Concello da Laracha. Os doce primeiros, como segundo de Jesús Rama Becerra. E os doce seguintes, despois dun relevo único na comarca, como alcalde. Acabado de estrear o seu cuarto mandato, destaca a cohesión do partido a nivel local e, sobre todo, o apoio crecente dos veciños.

-¿En que cambiou A Laracha no tempo que leva vostede no Concello?

-Eu creo que houbo unha transformación absoluta. Nos últimos anos A Laracha cambiou a todos os niveis, incluso a propia base económica, que ata non hai moitos anos era eminentemente agrícola e gandeira. Hoxe somos un concello con industria e cun sector servizos importante. Esa renovación na estrutura económica estase notando, e tamén se nota no crecemento. De feito, de toda a Costa da Morte somos Carballo e nós os únicos concellos que estamos gañando poboación. Do anterior mandato a este tivemos un crecemento neto de poboación de seiscentos veciños.

-¿A que o atribúe?

-Eu creo que a xente escolle A Laracha para vivir, en primeiro lugar, pola situación: estamos no perímetro dunha gran cidade, nunha zona de crecemento industrial. Pero tamén polos servizos que se ofrecen a nivel educativo, cultural, social, de ocio, vivenda... Iso foi o que se fixo nos últimos anos: dar bos servizos aos cidadáns, e a xente vaino valorando.

-¿Cre que de cara ao futuro A Laracha vai mirar máis cara A Coruña que cara a súa comarca natural, que é Bergantiños?

-Eu creo que Arteixo, A Laracha e Carballo van ter nos próximos anos un crecemento importante a nivel industrial, pero que traerá consigo crecemento de poboación, do comercio... Nos últimos anos, a vinculación que había comercialmente con Carballo está máis enfocada cara á Coruña, sobre todo pola chegada dos centros comerciais grandes e polo tema laboral. Pero a nosa comarca natural é Bergantiños, e imos seguir sendo de Bergantiños, e tamén concello de entrada da Costa da Morte. Hai moitos temas en común que se comparten en Bergantiños. A relación entre alcaldes e entre concellos é magnífica, incluso creo que somos un exemplo para outras comarcas de Galicia.

-Neste momento está sobre a mesa o debate sobre a necesidade das deputacións. ¿Pode iso supoñer un revulsivo para a comarca como entidade?

-Eu creo que non. A comarcalización, tendo en conta os problemas que temos por diante, creo que non ten moita lóxica potenciala. Sería un erro. Agora mesmo o que temos é que centrarnos en poder seguir ofrecendo os mesmos servizos aos veciños, mesmo aumentando algúns, pero tendo presente que a situación que temos por diante é moi complexa. Eu son dos que aposto polas deputacións porque creo que teñen unha función importante, sobre todo de cara aos concellos pequenos e medianos. Para min é fundamental que a Deputación siga existindo e que siga co apoio aos concellos, pero hai temas que habería que reformular.

-O que si está claro é que vai haber relevo na corporación provincial, na que leva vostede oito anos.

-Pois si. E eu quero felicitar aos meus compañeiros Perfecto Vázquez, de Cabana, e Antonio Pensado, de Coristanco. Que teñan moita sorte nese novo cargo e que sexa para ben da comarca de Bergantiños.

-¿Ten algo que ver a súa marcha coa candidatura á presidencia da Fegamp da que tanto se fala?

-Non. Iso son quinielas que andan por aí, pero non hai nada. Temos alcaldes na provincia moi bos candidatos para ser presidentes da Fegamp. Iso tocará tratalo no seu momento, pero de momento non hai ningún compromiso. O único compromiso que teño é cos veciños da Laracha.

-¿Cales son os seus grandes retos para A Laracha nos catro anos que ten por diante?

-Hai moitos, e moitos deles supoñen a continuidade en asuntos nos que se leva traballando nestes últimos meses ou nestes últimos anos. A gran aposta é dar todos os pasos para mellorar a situación de emprego que temos no municipio. Son cifras moi preocupantes. Temos en marcha o desenvolvemento do polígono industrial, que espero que entre setembro e outubro estea terminado e que veñan as empresas. A este respecto teño que dicir que hai apostas importantes por A Laracha.