As entidades do Couto sumáronse á homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Monte Branco e a Fundación Pondal festexaron as vodas de prata de «Memorias dun neno labrego»

02 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte, unha vez máis, quedou claro que a Fundación Eduardo Pondal e a asociación Monte Branco do Couto quérenlle ben a Xosé Neira Vilas. As dúas entidades pontecesanas aprecian ao escritor, pero tamén é certo que o cariño é mutuo. Quedou claro, moi claro, durante a inauguración da exposición Querido Balbino, unha preciosa mostra itinerante (onte iniciou o seu camiño na biblioteca coruñesa Miguel González Garcés e nos vindeiros meses percorrerá Galicia) creada para conmemorar os cincuenta anos da publicación de Memorias dun neno labrego, un libro que xa é un clásico da literatura galega, unha obra que medio século despois de ver a luz por primeira vez «segue a ter absoluta vixencia», segundo recordou Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

E como se por eles non pasase o tempo, onte Balbino e o seu pai literario foron os protagonistas dun emotivo acto no que a homenaxe a Neira Vilas incluíu tamén o nomeamento como primeiro socio de honra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). A vicepresidenta da entidade, a ceense Concha Blanco foi a encargada de entregarlle a distinción, mentres que o presidente da asociación, Francisco Castro, dixo o que onte todos pensaban, que «Xosé Neira Vilas e, concretamente Memorias dun neno labrego, é en si mesmo un fito literario internacional».

«Querémoste, Pepe», resumiu Francisco Castro nun abarrotado salón de actos no que a presenza pontecesá estivo tamén representada. Polos patróns da fundación Xosé María Varela e Luís Giadás, polo profesor Xelucho Abella e por dúas mozas do Couto, Tamara Lema Rodríguez e Alba Costa Pérez, que, ao igual que fixeron na homenaxe que no 2001 lle renderon na Casa dos Veciños, subiron ao escenario para recordarlle a Neira Vilas o moito que lle queren por terras de Bergantiños. Tamara cunha representación inspirada no sentir universal de Balbino, Alba coa fermosa interpretación de Agardarei, o poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Luís Emilio Batallán.

Ambas cerraron as mostras de agarimo, nas que tamén participaron os actores Uxía Blanco -«O Neno Labrego é o oráculo da alma galega. Un libro que dá respostas sinxelas a preguntas complicadas. Unha caricia no corazón», dixo- e Cándido Pazó, que ofreceu un fragmento do seu espectáculo dedicado á obra de Neira Vilas. Polo escenario pasaron tamén Felipe Senén, Anxo Pintos, e os actores Xosé Touriñán e Isabel Risco, que fixeron rir a gargalladas ao homenaxeado co divertido neto «koruño» do inmortal Balbino. Todos eles ofreceron fragmentos dos textos incluídos en Cartas a Balbino, un volume editado por Gálix para conmemorar o nomeamento do escritor como socio de honra.

O resultado é unha obra na que o cariño das entidades de Ponteceso tamén quedou plasmado, un aprecio que Neira Vilas devolveulles onte emocionado. E Balbino seguro que tamén.