Ghaliña choca

Farruco Graña

CARBALLO

24 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai vellos estigmas que de cando en vez agroman e lémbrannos etapas xa pasadas que non deberían ter regresado. Houbo quen axudou a que volveran; que cada pau aguante a súa vela. Estes días ferven na rede as deplorábeis declaracións dunha moza galega nun reality show acerca da nosa lingua e de todos nós. Ás comarcas bergantiñá, das terras de Soneira e Fisterra, tamén nos tocou a nosa dose de desgusto e repudio cara a unha probe miñaxoias que cre que botando pestes contra os nosos sinais de identidade vai gustar máis no resto de España. Atrevida ignorancia!

Os rapaces e rapazas que cursan a ESO ou o Bacharelato teñen aprendido no instituto que o galego, como todas as demais linguas, posúen variantes dialectais, maneiras de falar que, sen deixar de ser a mesma lingua, son peculiares dunha zona. Os de Vigo non ven á xente; mírana. Os da Fonsagrada usan «pantalois». E na Costa da Morte, se dous mozos van casar, «tiran cara ao monte», non cara á Igrexa; e se ían «lighar», non é que foran ebanistas precisamente.

Con esta probe rapaza desde logo non ían ter moito éxito. Mellor para eles! Crer que por se arranxar ao estilo Belén Esteban xa podes andar presumindo de moita cousa e desprezando ao próximo di ben pouco de ti. Que baixa autoestima debes ter para precisares proxectar sobre os demais os teus complexos. Por certo, que che pasaría cos de Lugo?

Recentemente houbo quen difundiu tópicos como estes sobre a nosa lingua. Semella que agora recollen os seus froitos. Pouca e mala colleita. Por sorte para a nosa mocidade hai modelos moito máis interesantes a seguir, con máis cultura e educación, máis orgullosos do seu e tamén máis sexis. Encantados de escoitar a María Castro cando a entrevistan mundo adiante e mostra con orgullo a súa condición de galega. Moitas grazas a Tosar por nos permitir unha vez máis oír o galego na gala dos Goya. Parabéns a Bardem pola súa carreira na que tamén nos falou en galego interpretando a Ramón Sampedro. E quen teña medos e complexos, que vaia a un psicólogo a tratalos. Pero que deixe en paz á nosa lingua. Mil primaveras máis para o galego!