Letras saídas dende a Costa da Morte crean un outono literario

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Varios autores moi vinculados á comarca publicaron obras nos últimos tempos e esta fin de semana haberá dúas presentacións

26 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O outono é, dende sempre, a estación do ano no que caen as follas. E, se dunha metáfora se tratase, ben se podería dicir que tamén dende a Costa da Morte caen, non só desas, senón tamén das literarias. Para todos aqueles que queiran recollelas. Nos últimos tempos, varios autores da comarca, cada un deles no seu estilo, plasmaron a creatividade en letras e, mesmo nalgún caso, con música e fotografías como compaña.

Os admiradores de Joaquín Lera (Corcubión, 1959) teñen dende hai non moito tempo a posibilidade de admirar case por conxunto dúas facetas del: a de escritor e de músico. Así, en Flores de papel , o corcubionés inclúe textos de cancións e tamén poemas ( Aprendiz de soñador, El gato lector, Dentro de un violín ou Lady Gran Vía son algúns dos títulos), así como escritos feitos para o cantautor por outros escritores e artistas. Flores de papel non se vende soa, senón cun disco de vinilo: Sinfonía de ranas.

Hoxe e mañá, presentacións

Por outra banda, esta tarde, ás 19.30 horas, presentarase na Librería Ler de Cee o libro Guía de cogomelos dunares do litoral atlántico , tanto na súa edición en galego como en castelán. O seu autor é José Manuel Castro Marcote, socio-fundador da asociación micolóxica e naturalista Pan de Raposo. A entidade suma así unha nova publicación ás súas xa moi completas guías nesta materia, das mellores que hai na actualidade. A obra (142 páxinas) está publicada por Edicións do Cumio. Trátase dunha catalogación precisa (nun tema do que hai escasa bibliografía) de cogomelos do literal atlántico galego. Hai tamén unhas aproximadamente oitenta fichas con fotografías a toda cor e observacións sobre as especies.

Por outra banda, a fisterrá María José Lago Traba presentará mañá no hotel Cabo Finisterre (20.00 horas) Sorriso das tebras , un poemario en galego de temática moi variada. Non estará soa, senón que a acompañarán Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Roberto Traba Velay e Santiago Insua, este último concelleiro de Cultura en Fisterra. Por suposto, tamén estarán moitos dos seus amigos e compañeiros.