«Rosalía foi, é e seguirá sendo a bandeira de Galicia»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

O escritor Anxo Angueira ofreceu en O Couto unhas charlas nas que desfixo estereotipos sobre a poetisa

24 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Outono Pondaliano do Couto (Ponteceso) afrontou a súa penúltima sesión cun escritor e estudoso da literatura galega: Anxo Angueira (Dodro, 1961). Primeiro conversou cos mozos e logo, cos docentes. A súa intervención levaban por título Rosalía, a musa dos poetas.

«Non é pecado falar de Rosalía de Castro en terra de Pondal», dixo Angueira logo da presentación que lle fixo Luís Giadás e na cal adiantou xa que o convidado trataría de desterrar estereotipos sobre a poetisa. E non, non é pecado. Moitos menos se se fai para explicar aqueles conceptos que a dan a coñecer mellor. Ela «traballou dende a literatura pola dignidade de Galicia e pola liberdade», así que Angueira a situou na terceira e aínda presente etapa na historia desta terra: a primeira foi a de conformación da nosa identidade; a segunda, unha de asimilación castelanista, de dor e de humillación; e a terceira, a do século XIX, de Rexurdimento. A intervención de Angueira levaba no medio sentidos recitais e mesmo chegou a dicir que hai un subxénero poético que se podería chamar «o rosalía», por todas (moitas) as composicións que autores de todos os tempos e de todos os lugares lle dedicaron á galega. «Prazas, escolas, rúas, grupos... co seu nome, nin Castelao nin Pondal cumpren ese papel como Rosalía», sinalou o escritor. «Rosalía foi, é e continuará sendo a bandeira de Galicia». O convidado de onte no Outono Pondaliano deixou ben claro que a poetisa non era nin meiguiña nin rola [rula] de Galicia, como lle chamaron nalgúns poemas. Foi Curros Enríquez quen, tamén coas súas verbas e nun poema, amosou a unha Rosalía «soia», «tola, porque non era convencional nin seguía os patróns das mulleres do seu tempo», «comesta dos lobos, odiada», «coa estrela da liberdade na frente e no bico un cantar». «Rosalía non era nai, nin santa, nin divina, como se quixo facer ver cando a política galega botou man dela. É pecadenta, revolucionaria, quere para a muller outros papeis, que non son nin os de nai nin o de santa. Rosalía é profundamente feminista, non foi unha señora da saudade, como se ten dito tamén». «¡Cantos poetas e poetisas beberon, beben e seguirán bebendo de Rosalía! Ela é infinita, non acabou nin acabará», sentenciou.