O «Serpent» na poesía de Antón Zapata

Miro Villar

CARBALLO

18 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Razóns persoais non me permitiron asistir á homenaxe aos náufragos do Serpent , aínda que hai unhas semanas fixemos un roteiro por esas impresionantes paisaxes o escritor Xosé Manuel Lobato, quen non coñecía o monumento, e mais eu.

Veño de ler na crónica de Patricia Blanco que se leron textos de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e doutros autores. A noticia non cita ao poeta láxense Antón Zapata García, autor dunha magnífica elexía intitulada Responso galego ó «Serpent» , que foi publicada por vez primeira no xornal Galicia , da Federación de Sociedades Gallegas (Bos Aires), o 15 de setembro de 1935. O texto poético aparece debaixo dunha fotografía co seguinte pé: «Antigo e novo cimiterio dos ingreses no lugar da Costa Brava chamado Boi de Camariñas. No fondo, á dereita, óllase a praia chamada co agoirento nome de Area 13. No mentado cimiterio fican enterrados 400 e pico de gardas-mariños e mariñeiros do Barco-Escola Serpent , da armada ingresa, afogados todos nunha terríbel nuite de inverno. Alí ficóu a fror e gala dos futuros lobos de mar. Triste destiño dos humáns e da soberba dos grandes...»

Na primeira parte lembra o naufraxio e o feito de que unha escuadra de guerra inglesa saudaba con vinte e un canonazos para lembrar as súas mortes sempre no día de Defuntos, na segunda critica o feito de que xa non aparece nunca unha escuadra inglesa para realizar esa lembranza, e remata sinalando que foron acollidos polos galegos. Velaquí o poema:

«Dende que foi a pique, con nuite borraxenta, / no boi de camariñas, o barco-escola ingrés, / no Día de Difuntos, a escoadra medoñenta / de guerra, saüdaba os mortos que alí tên... // Con vint-ún cañonazos, ceibados dende abordo, / â rexa Costa Brava facía tremecer, / o mesmo como cando o Norde, c-ô balbordo / do mar, brúa e rebrúa na Costa do Laxés: // Saúdo d-honoranza ôs catrocentos mozos / que a morte pol-a proa levaban sin-a vêr, / e as poutas das rompentes trocaron en destrozos / co-a saña louquecida d-un tigre bengalés. //

¡Pasaron muitos anos!: A escoadra n-aparece / pra relembrar os mortos do tráxico Serpent : / ¡Os probes afogados non teñen quen lles rece, / pois súas nais morreron!: ¡Nadia lles prega ren!... // Quezáis en ningún libro o laureirado bardo, / -o gran Rudyard Kipling, o anglo-bombayés-, / non se relembre nunca d-éles, no San Medardo, / coma relembra as grorias do podeirío ingrés. // Quezáis, pol-os Arquivos do Gran Almirantazgo / d-Albión, o pô recruba teu nome, ¡ouh, Serpent ! / eisí como tampouco as verbas:?-¡"Eiquí xazgo"!- / riscáronse nas pedras do BOI camariñés. // Mais, ¡el-o non importa!: Vos fóstedes, mariños, / baixo a gadoupa fera do vento Noroés, / o mesmo que a niñada de probes paxariños / n-unha gayola endébel: ¡O casco do Serpent ! // Por eso, non hai culpa: ¡N-hai homes sin reparos! / Non valen os cadrantes: ¡Naides a culpa tên!: / Non alumaba a estrela do Norde, nin os faros!: / ¡Deus quixo que morrérades no Santo Mar d-Alem!... // Das gandras irlandesas, no haberés suidade; / tampouco haberés mágoa, das gandras do Morvern: / ¡O mesmo dá Galiza, pr-ôs celtas de verdade, / que aquélas nobres terras do noso antergo Celt! // Na terra dos galegos na propia terra estades, / mariños compatrianos de O'Connell e Parnell: / C-ôs nosos afogados, ¡ingreses!, vos chorades, / no Mar dos Silenzosos, as dôres de Gaél. // Da Barca na romaxe -coma no San Patricio / das vosas verdes terras, ouzando ôs highlanders -, / os brandos sons da gaita galega, un epinicio, / cantando encol das ondas, vosoutros ouzarés. // Durmide, fillos d'Anglo: Ficades c-ôs galegos / e acougo vosos corpos por sempre haberán têr: / Das boas nais galegas han rubir os pregos, / pra que, eisimade, as almas acóuguense tamén. //

Na Costa Brava dormen os fillos d-Inglaterra, / os mozos que unha nuite marcháronse pr-ô Alem, / que aluman, câl ciriales, os faros de Fisterra / e do Vilán, fraternos, vertendo seus ronsels... // Tan sô, de nuite, síntense -dende o Vilán de Fóra / deica â Area 13-, o canto de requien, / e o triste de profundis do Ártabro mar que chora / diante do cimiterio dos mortos do Serpent !..