«O valor paisaxístico do Pindo está recoñecido no mundo enteiro»

J. V. L. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

29 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xilberto Caamaño Beiro (Carnota, 1959) naceu como el mesmo di «debaixo da campá do Pindo» polo que considera que o seu monte merece a consideración de parque natural e encabeza una asociación para acadar ese recoñecemento.

-¿Por que pensa que O Pindo debe ser un Parque Natural?

-A parte do valor paisaxístico que está recoñecido no mundo enteiro -de feito dende O Pindo pódese ver dende Corrubedo ao Cabo Vilán- alberga restos arqueolóxicos do calcolítico e mais é o único sitio de Galicia no que subsiste o carballo anano, una especie en perigo de extinción. Ademais, ten unha gran riqueza botánica e aínda conserva algúns exemplares, poucos, dos cabalos salvaxes que fan un labor de limpeza tan importante.

-¿Que suporía a declaración?

-A implicación da Administración para que se protexa un valor que temos abandonado. Aquí poderíase montar unha aula da natureza para explicarlle aos visitantes a riqueza deste sitio que, ademais, traería un rendemento para os veciños porque a declaración trae consigo axudas para os negocios relacionados co turismo.

-¿Que acollida está a ter a idea?

-Moi boa. Tódolos días se está apuntando xente e esperamos ir a máis. Somos unha asociación democrática que apoia a idea de Adega e que está aberta a todos. Por iso convidamos a todos os veciños dos concellos das voltas e de toda Galicia, incluído ao alcalde de Carnota, para que se sumen.