«Temos instrumentos con déficit de alumnos»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Esta tarde, ás 20.30 horas, presentarase o novo curso no Conservatorio Profesional de Música de Carballo

01 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Un curso máis, comezamos con moitas ganas». Para o director do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, José Miguel Suárez Barros, autor desas palabras, comezará en breve outro ano ao fronte de -segundo estima- arredor 200 alumnos da comarca con ganas de afondar no coñecemento musical. Hoxe, venres (20.30 horas, Pazo da Cultura) presentarase o novo curso 2010/2011, un acto que contará coa asistencia do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a edila de Educación, Mar Eirís, e a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Por suposto, tamén estará Suárez Barros, profesor no conservatorio (especialista en guitarra) dende que este é municipal e director del dende o ano 92, segundo cre recordar. A semana que vén será a toma de horarios por instrumentos individuais, pero as clases en si iniciaranse o luns 11 de outubro.

-¿Algunha novidade para este novo curso?

-Teremos un novo profesor de gaita, porque o que tiñamos pediu excedencia. Opositarán o próximo mércores e creo que hai catro aspirantes para a praza.

-¿De cantos alumnos estariamos falando este ano?

-Penso que unha cifra similar á do ano pasado, arredor de 200, máis ou menos. Uns quince ou vinte son novos, veñen por primeira vez. O que pasa é que este ano xa non abrimos novas prazas de piano, porque temos ese instrumento saturadísimo. En guitarra ocorre algo similar, pero entraron tres. É un xeito tamén de promocionar outros instrumentos, nos que temos déficit de alumnos, como o trombón (no que entraron 3 novos), a trompeta (1) ou clarinete (3). Isto ten tamén repercusións na Big Band: non temos trombón de momento, só os novos que entran sen saber case nada, e trompetas temos tres en total.

-¿Por que a maioría opta por piano ou guitarra?

-No caso do piano, penso, tense o concepto de que viste moito. Pero tamén habería que ter en conta que é o instrumento máis caro, que se necesita moito sitio na casa para el e incluso uns veciños tolerantes. Pese a todo iso, é o que manda. Penso que non se deciden por estudar outros instrumentos porque non os coñecen.

-¿Cales se imparten hoxe en día no conservatorio?

-Gaita, acordeón, piano, viola, violoncello (tamén con moito déficit), violín, clarinete, saxofón, trombón, trompeta, guitarra, guitarra eléctrica e percusión.

-¿Resulta igual de satisfactorio ser profesor de música ca interprete?

-Cando un estuda música, case sempre a súa ilusión é ser intérprete, pero eu xa tiven esa etapa e agora dedícome á ensinanza. No caso concreto de Carballo, penso que a maioría dos rapaces ven a música non como unha dedicación, senón como unha cultura a maiores na súa formación, aínda que tamén no conservatorio hai alumnos que á súa vez son profesores doutros.