Moita música por poucos cartos

M. V. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Oito grupos, entre eles a nova proposta do mítico Micky, participarán na edición número 13 do festival XiriaPop, que se celebrará en Carballo os días 17 e 18

10 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os organizadores do festival XiriaPop 2010 están dispostos a demostrar, un ano máis, que é posible conseguir un gran espectáculo sen ter que facer grandes investimentos. «Temos un orzamento pequeno (apenas 9.000 euros), pero aínda así é posible contratar a grupos moi bos por poucos cartos», asegurou onte Javier Graña, organizador da cita, durante a presentación do festival, que chegará á sala Dublín de Carballo os vindeiros días 17 e 18. Só despois dos concertos poderá saberse se Graña estaba no certo, pero á vista do cartel todo indica que non se equivoca. O público tampouco terá que gastar moito, xa que pode mercar, por 15 euros, un bono para os dous días de concertos.

Polo escenario da sala carballesa desfilarán sete grupos e unha lenda, Micky, que chegará acompañado polos Colosos del Ritmo, unha banda amante do rock and roll máis clásico formada por músicos doutros grupos, como Dr Explosión, Raunch Hands o The Kaisers. Con eles, Micky presentará La cuenta atrás , o seu novo traballo. Estará en Carballo o sábado, xunto cos grupos The allnight workers (O Grove), Los chicos (Madrid) e The Shake (Almería). «O de Micky é un disco boísimo e a de Carballo será a súa única actuación en Galicia.

Pero ademais do regreso de Micky, o XiriaPop estará cheo de sorpresas», explicou Graña, que presentou o festival acompañado polo concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e polo alcalde, Evencio Ferrero, quen confesou ter bailado moito co mítico rockeiro. «Con sorte el atraerá a tres xeracións, aos netos, aos pais e aos avós», apuntou Graña.

A proposta do venres será a de The Mittens (Madrid), The Riffbackers (Madrid), The See See (Londres) e Wolrus (A Coruña).

Ademais, o XiriaPop virá acompañado doutras actividades paralelas, como unha exposición de fotografías que plasman o éxito de edicións anteriores, que poderán verse no Valle Inclán e na sala A Reserva. Ademais, e para ir abrindo boca ao festival, o xoves 16 presentarán na Reserva o libro Cincuenta anos de pop, rock e malditismo na música galega , do escritor ferrolán Fernando Fernández Rego, que fai un repaso á historia musical da comunidade.