A arpista e cantante Arianna Savall e o instrumentista e tenor Petter Johansen actuarán mañá nas Torres de Mens
Dous grandes intérpretes e un lugar máxico. A mestura non podía ser mellor, nin estar tan preto dos veciños de Bergantiños. Mañá, a partir das seis e media da tarde, todos aqueles que se acheguen ata as Torres de Mens de Malpica poderán gozar dun concerto único, unha aposta musical que chega da man da terceira edición do festival Espazos Sonoros, organizado pola Consellería de Cultura co obxectivo de pór en valor o patrimonio histórico galego a través da música. Unha aposta arriscada e, sobre todo, atractiva, que permitirá ao público gozar dun gran concerto e ao mesmo tempo dunha das xoias arquitectónicas da bisbarra.
Ata a fortaleza do século XIV, construída, segundo os historiadores, sobre o que podería ser un antigo castro, chegarán a arpista e cantante Arianna Savall, membro dunha importante familia de músicos cataláns, e o tenor e instrumentista noruegués Petter Udland Johansen, dispostos a pór en escena un fermoso programa musical no que o amor estará moi presente.
Temática amorosa
Os dous intérpretes, recén chegados a Galicia, presentarán Viaggio d'Amore , unha viaxe de amor desde o Renacemento ata a actualidade, un programa no que a temática amorosa servirá de motor argumental e creativo para facer unha viaxe a través do tempo e da música. O resultado é un amplo programa no que propoñen unha pequena escolma de cancións de diferentes épocas e estilos, compaxinando o tradicional e o máis elaborado. Así, presentarán composicións do Cancioneiro de Palacio e do Cancionero de Calabria , das violas de man de Luís de Milán e Alonso Mudarra, do laúde do inglés John Dowland, pezas tradicionais, arranxos de autores do século XX e poesías musicadas polos propios intérpretes. O resultado é unha interesante viaxe musical e romántico.
Ademais, Arianna Savall e Petter Udland Johansen ofrecerán aos espectadores a oportunidade de coñecer instrumentos pouco habituais nos concertos que se ofrecen pola Costa da Morte. Así, subirán ao escenario cunha arpa doppia, un violín tradicional noruegués chamado hardingfele , unha fídula e unha mandolina, instrumentos que permitirán crear un ambiente íntimo nun lugar excepcional.
Espazos Sonoros converterase ademais nunha oportunidade única para coñecer de cerca a fortaleza construída no século XIV por Lope Sánchez de Moscoso, membro dunha das familias nobres máis relevantes da Baixa Idade Media en Galicia.
Agora en mans privadas, o castelo foi destruído durante as revoltas irmandiñas e aínda que se reconstruíu posteriormente foi o seu actual dono o que emprendeu as tarefas de rehabilitación que conseguiron que, no ano 1993, as Torres de Mens recibisen o premio que outorga Europa Nostra aos monumentos salvados da ruína. Un lugar máxico para un concerto único.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios