«En Carballo ofrécese un produto de primeiro nivel»

Víctor Cacho CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

A compostelá pronuncia o pregón co que se dará inicio a unha nova edición da Praza dos Libros

26 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O xardín municipal carballés abrirá hoxe, ás dez e media da mañá, unha nova edición da Praza dos Libros, que se prolongará ata o próximo domingo. A poetisa compostelana Yolanda Castaño será a encargada de pronunciar o pregón á unha da tarde para inaugurar de maneira oficial a cita literaria. Ás 20.30 horas, a escritora Teresa Moure presentará o seu libro A Intervención, no que participará o libreiro Antón Pedreira, se ben unha hora e media antes Castaño impartirá unha sesión de contacontos en verso para os máis pequenos.

-¿A mellor idade para comezar a escoitar poesía?

-Os pequenos entran moi ben neste xénero en todos os aspectos, na musicalidade dos versos, nas rimas, nas metáforas... Non hai que explicarlles nada porque as entenden á perfección. Cando todo isto se trunca é máis adiante.

-¿A que cre que se debe?

-Penso que o sistema educativo ten moito que ver, xa que non axuda moito que digamos. Non se emprega ou non se contan coas ferramentas necesarias e, desta maneira, os rapaces vanse afastando pouco a pouco da poesía. E iso que está máis preto do que se soe pensar, pois atópase nas letras das cancións ou mesmo na publicidade.

-¿De que trata o contacontos que vai ofrecer?

-Das aventuras que lle acontecen ao verme Punki Punver, o protagonista dos últimos libros infantís que publiquei, da editorial Galaxia.

-Hai experiencia niso de dar pregóns...

-Foi unha honra dalo na cidade onde nacín en pleno ano Xacobeo. E faime moita ilusión vir a Carballo para participar dun dos seus focos de atracción culturais máis importantes como é a feira do libro. Móntana moi ben e ofrécese un produto de primeiro nivel. Non hai que esquecer que moita xente representativa do pobo o fixo a través dos libros, desde Alfredo Brañas ata Rober Bodegas, pasando polo profesor Freixeiro Mato ou Xurxo Borrazás.

-¿Pensa que as feiras literarias deben renovarse?

-Todo pode mellorarse sempre, pero as innovacións non garanten a afluencia do público. Ás veces, para o éxito basta coa presenza dos autores, bos catálogos literarios e unha programación de actuacións estudada, como é o caso de Carballo.

-¿A poesía galega atravesa por un mal momento?

-Vai continuar sendo un xénero minoritario, pero tampouco antes tiña tanto tirón. Eu vou seguir séndolle completamente fiel.