«Falaremos sobre unha crítica a Marx ousada e orixinal»

Eduardo Eiroa Millares
E. Eiroa CEE/LA VOZ.

CORCUBIÓN

04 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Serxio Cernadas Leis (Corcubión, 1990) é o presidente da Universidade Cromática das Virtudes, unha asociación que naceu con gañas de facer cousas e que xa ten práctica niso. Hoxe pódese asistir a unha máis das actividades que xa puxeron en marcha, un encontro que leva por título Sociedade e barbarie. Marx como fonte de desarraigo e que comezará ás cinco da tarde na casa da cultura de Corcubión.

-¿De que se falará no encontro?

-Trátase dun texto que vai publicar Ignacio Castro sobre o que traballaremos. Primeiro el fará unha exposición coa súa tese e logo os organizadores faremos algunhas lecturas dese texto, e despois haberá tempo para o debate.

-¿Sobre que versa a obra?

-Esperamos que o diálogo sexa controvertido, porque o texto é unha crítica a Marx ousada e orixinal. Non sei o alcance, pero a tese do texto é que Marx non concibe ao home fóra dunha clase. Ignacio Castro reivindica a existencia calquera, que se escapa da identidade, que fala da vida, dos soños, non susceptible de encasillarse nunha entidade como unha clase. Paréceme unha crítica potente, acusar a Marx de tratar ao home como un desalmado. O marxismo neutraliza o mundo interior do home.

-Trátase dunha cita que rematará cunha cea.

-Despois da charla trasladarémonos ata Lires para cear alí. Contaremos con música e espazo para acampar os que queiran quedarse.

-¿Como xurdiu a idea de organizar esta charla?

-Naceu o ano pasado coas xornadas dedicas a Tiqqun que organizaron Serxio Iglesias e Xavier Turnes. Despois daquelo quedamos en facer máis cousas e montamos isto.

-¿Quen compón a Universidade Cromática?

-Somos un núcleo duro de entre cinco e oito persoas, pero podemos chegar a quince.

-¿E fai máis cousas ademais de organizar esta charla?

-Empezamos buscando un sistema para controlar mellor o uso do local de ensaio de Corcubión e decidimos seguir. Xa fixemos un ciclo de cine con música, unha revista, organizamos as festas do Carme e o día 27 faremos a festa da praia.