Miro Villar publica un novo traballo sobre Antón Zapata

Katy Lema CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

28 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O ceense Miro Villar exerceu de novo como crítico literario na revista especializada Estudios Migratorios , unha publicación semestral editada polo Arquivo da Emigración Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, sobre a obra denominada Saudade e Emigración na Poesía de Antón Zapata . Nela, actualiza os diversos capítulos da súa tese doutoral de 1.620 páxinas da que deriva esta obra, un documento que o mesmo autor cualifica de «moi extensa» e que publica por partes.

Emigración

O tamén poeta e profesor trata nesta obra de rastrear a presenza da emigración e a saudade nos textos incluídos no único libro publicado do poeta laxense, A Roseira da Soidade . Para Miro, Antón era «un poeta descoñecido para todos» que marchou con 17 anos para Arxentina para non volver e seguiu cultivando desde a diáspora a cultura e a poesía en galego, «cun léxico mariñeiro sorprendente».

Explica ademais que en Galicia non se puido valorar o suficiente a este autor, xa que coincidiu coa época da posguerra e «na prensa da época non se falaba da literatura galega». Miro Villar distingue a valoración que recibía Antón Zapata desde a prensa exterior, que tiña unha importante consideración, pois «chamábano a actos galeguistas».

Para o ceense é importante destacar a visión plural que tiña Antón Zapata sobre a emigración, que retrataba todas as visións dos que a sufriron, pero que «tiña un trasfondo de crítica coa terra por deixar marchar á mellor xente».

Sinala ademais que, «cando el emigra no ano 1903, encádrase dentro da década máis importante da emigración galega», e recorda a importancia de Bos Aires, que chegou a ser denominada como «a quinta provincia galega».