Dous curmáns

José Manuel Canedo Aguiar

A CORUÑA CIUDAD

19 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Había unha vez dous curmáns, un Xosé, o outro Xoán. Naceron na mesma casa, a tres metros de distancia e a sete meses tamén de distancia. Foron xuntos á escola, xogaban xuntos, rifaban xuntos, ían xuntos á praia de Razo. Ían xuntos co olivo Domingo de Ramos e fixeron a primeira comunión..., no mesmo traxe.

Na adolescencia, ían xuntos á praia de Razo e alí xogaban coas ondas, coa area e escoitaban o silencio do mar. Aos dous lles gustaba ler e escribir. Facían algunha que outra poesía, historias curtas, contos... Na xuventude ían xuntos á praia de Razo e alí seguían a escribir e a falar dos seus amores (cada un do seu). Casaron, tiveron fillos e a vida separounos un pouco, un pouco moito.

Un foi para Montemaior e o outro para Montecalvelo. Agora que os fillos xa son grandes teñen máis tempo para ir a Razo, para ler, para escribir... O outro día, que facía 36 graos de calor en Montemaior e en Montecalvelo, miraron para Monteneme e viron unha fumareda. Era néboa. E telepaticamente, e telefonicamente, puxéronse de acordo para ir ao fresco da praia de Razo. Alí, a 16 graos, atopáronse no Cordobés. Alí, a carón da lareira, sentáronse con dúas. Con dúas rubias. Con dúas rubias da Coruña... Do tempo naturalmente.

Xoán estivo onte de 50 aniversario. Xosé cumpliunos hai sete meses. Parabéns curmán. Non te preocupes, os 50 son como ter corenta e dez.