As campañas de sensibilización comezan a dar os seus froitos. Co aumento da reciclaxe, os concellos galegos aforraron en 2009 entre cinco e dez millóns
Non hai semana na que o conselleiro Agustín Hernández Fernández de Rojas non presente algunha novidade con respecto ás competencias que ocupa a súa xestión na Xunta. Non é para menos. Tras a súa chegada ó poder, Núñez Feijoo decidiu unificar tres áreas con tanto peso específico como son medio ambiente, territorio e infraestruturas e poñer ó seu fronte a unha persoa coa experiencia de Hernández.
-¿Cal é o fío condutor das tres materias que o ocupan?
-Sen dúbida é o territorio. O que propoñemos na consellería é ordenar e articular un debuxo do noso territorio que permita o desenvolvemento das actividades, e que estas sexan sostibles no tempo.
-Precisamente o territorio en Galicia condiciona as políticas medioambientais. Un dos obxectivos principais da lexislatura é o saneamento integral do territorio. ¿Que pasos se están a dar?
-O plan que presentamos ante o consello da Xunta contempla sanear todo o territorio non máis tarde do 2015, con unha especial vinculación co saneamento das rías. Entendemos que deben volver a ser un lugar de esparcemento e de aproveitamento económico no eido do marisqueo e a acuicultura.
-Acaba de presentar ante os alcaldes o Plan de Ordenación do Litoral (POL). ¿Que novidades ofrece?
-É o primeiro plan desde estilo que se presenta en Galicia. Ata o de agora tiñamos unha lei de suspensión de determinada parte do territorio que non seguía ningún criterio obxectivo, nin territorial nin medioambiental. A nosa é unha aposta moi agresiva que pretende protexer, ordenar e favorecer o desenvolvemento sostible do litoral galego, que supón o 7% do noso territorio.
-Trátase dun plan que aínda se pode modificar. ¿Presentou alegacións algún concello?
-Hai que ter claro que é un documento de inicio. O resultado é froito dunha análise sobre o terreo e da información remitida polos concellos. Polo momento, algúns dos grupos de goberno municipais que non colaboraron manifestaron a súa sorpresa nos medios. Agora o que toca é recibir as súas achegas. Se sumamos o traballo de todos nós, poderemos mellorar o documento, puntualizalo e facer un gran plan de ordenación do litoral, que será unha peza fundamental para mellorar as condicións de vida e o desenvolvemento económico da nosa costa.
-Pronto presentará o Plan de residuos 2010-2020 e xa adiantou que posiblemente anuncie a construción doutra planta de xestión. ¿É a resposta á saturación de Sogama?
-Evidentemente. Sogama recibe máis lixo do que é capaz de tratar e o goberno cre que hai que avanzar no deseño dun plan que permita diminuír a achega á planta de valorización. Estamos traballando con diferentes posibilidades e non temos aínda pechado se o esquema vai pasar pola instalación dunha planta no sur ou pola potenciación da actual en Cerceda. Sogama foi un paso arriscado pero importante, que demostrou a súa eficacia. Está sobrepasado porque foi acollido plenamente polos concellos.
-A consellería fai conxuntamente con Sogama programas de concienciación para escolares. ¿Que lle parecen?
-Son imprescindibles. Estamos por debaixo de España en termos de reciclaxe. As novas xeracións son moi permeables ós cambios e deben ser a correa condutora dos comportamentos respectuosos co medio ambiente.
-¿Estas campañas nótase nos índices de reciclaxe?
-No 2009 Sogama recibiu menos residuos en parte debido a isto. Reciclar é unha necesidade ambiental, pero tamén se nota na factura dos concellos un aforro que temos valorado entre cinco e dez millóns de euros.
As campañas de sensibilización comezan a dar os seus froitos. Co aumento da reciclaxe, os concellos galegos aforraron en 2009 entre cinco e dez millóns
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios