A loita por dignificar a figura feminina terá premio no Concello de Camariñas

La Voz

CARBALLO

A Asociación de Mulleres pola Igualdade presentou as bases para a primeira edición do seu certame

05 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade fixa como obxectivo, a través das distintas actividades que organiza, loitar por favorecer o compromiso coa igualdade de oportunidades para homes e mulleres. Trata tamén de erradicar a violencia machista e mellorar a vida diaria das mulleres que viven no medio rural. A última iniciativa desta entidade é a convocatoria do Primeiro Premio Muller pola Igualdade 2010. Do que se trata, sinalan dende a asociación, é de render unha especie de homenaxe ou facer máis visible e palpable o esforzo dunha muller camariñá por ter contribuído ao longo da súa vida á dignificación da figura da muller desta localidade.

Poderán ser nominadas para obter este premio veciñas de toda as parroquias do Concello, sempre e cando non faleceran.

Tanto persoas individuais como entidades poderán facer as súas propostas de tres maneiras: cubrindo unha ficha de nominación e introducíndoa nas urnas dispostas na Casa do Alemán de Camelle, no centro de saúde de Camariñas, no teleclube de Xaviña e nocentro de saúde da Ponte do Porto; solicitando esa ficha en mullercamarinas.igualdade@gmail.com e enviándoa logo a través dese mesmo enderezo; ou cubrindo directamente os datos en www.diariocamarinan.com.

Valoraranse aspectos como que a nominada sexa unha muller emprendedora e loitadora no seu día a día, que tratara de ir en contra dos estereotipos dunha sociedade patriarcal que aínda se seguen vendo en moitas ocasións e, tamén, por exemplo, o seu traballo a prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Pódese votar xa dende o 24 de xaneiro ata o vindeiro domingo 21 de febreiro. Seleccionaranse as cinco mulleres máis votadas e un xurado dará a coñecer o 13 de marzo cal é, finalmente, a elixida. Recibirá un agasallo e será nomeada socia honorífica da asociación organizadora.

Este premio conta co patrocinio de Conservas Boya e segue a liña doutras iniciativas que xa se levaron a cabo a prol da dignificación da muller, que foi e segue a ser imprescindible para sacar adiante a economía familiar camariñá. No ano 2005, por exemplo, fíxose unha exposición sobre mulleres significativas da localidade.