«Traer os residuos do sur de Galicia a Cerceda ten un custo altísimo»

Mar Varela

CARBALLO

A Consellería de Medio Ambiente presentará o Plan de Residuos 2010-2020 no primeiro semestre e está previsto que anuncie unha planta no sur da comunidade

30 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A xestión de Sogama foi un dos puntos quentes da política autonómica durante o final da pasada lexislatura. O seu novo presidente, o avogado lucense Luís Lamas, era consciente desta circunstancia cando aceptou o cargo tras o cambio de goberno na Xunta. O ofrecemento foi unha sorpresa, xa que levaba varios anos afastado da primeira liña política, pero aceptou.

-Poucas semanas despois da súa chegada á planta de Cerceda, a auditoría Idom revelou que o vertedoiro de Areosa estaba ó limite da súa capacidade. ¿É o principal problema ó que se tivo que enfrontar?

-Si, sen dúbida. Está no límite do seu espazo físico, pero había outro problema que me atrevería a dicir que é máis grave, a afección ao medio ambiente que esta situación estaba a provocar. Ás veces fálase de maneira interesada da contaminación que provoca Sogama, o que é un erro. O certo é que o que estaba danando o entorno é o vertedoiro, e ségueo facendo en menor medida, non a planta incineradora.

-Dende que vostede ocupa o cargo aprobouse un investimento de tres millóns de euros para Areosa. ¿A que se está a dedicar ese presuposto?

-Os traballos comezaron a executarse o ano pasado, pero van lentos debido á climatoloxía que estamos a sufrir este inverno. As precipitacións impiden o selado do vertedoiro. Para que nos entendan, vaise poñer una lámina encima dos residuos para evitar que a chuvia penetre nos residuos e xere unha contaminación que despois habería que tratar.

-O 93% dos concellos galegos trasladan os seus desfeitos a Sogama e pagan 51,10 euros por cada tonelada de residuos. Algúns deles, e dada a situación económica, quéixanse dos prezos. ¿Cre que é razoable?

-Vouno comparar con algo moi tradicional neste país, as feiras. Se son o que pago, sempre me parece caro, pero se o meu papel é o de vendedor, paréceme barato. Nas Illas Baleares, que está gobernada por un conglomerado de partidos liderados polos socialistas, están pagando cerca de cen euros, pero pretenden pasar agora a 110. Entendo que Galicia ten una distribución xeográfica peculiar, chea de concellos pequenos con pouca dispoñibilidade orzamentaria, ós que lles pode resultar caro. A Cerceda chegan desfeitos de todas as provincias galegas, polo que o prezo do transporte supón de media o 37% do total, unha cantidade moi importante. Aínda así, na xestión de residuos Galicia ten a taxa máis baixa de España.

-Precisamente, pola distribución xeográfica galega estase comezando a falar da construción dunha segunda planta de tratamento de residuos no sur da comunidade. No primeiro semestre do ano, a Consellería de Medio Ambiente vai presentar o plan de residuos 2010-2020. ¿Cre que o abaratamento do transporte faría positivo este complexo?

-É unha decisión que ten que tomar a consellería. Pero evidentemente todo o que signifique abaratar custos de xestión sempre é bo. O que lle hai que dicir ós cidadáns é que traer os residuos do sur de Galicia, que é a zona máis poboada, a Cerceda ten un custo altísimo, non só económico senón tamén medioambiental. Polo tanto, parece que construír unha nova planta é a solución idónea á saturación que sofre Sogama.

-A Cerceda chegan 900.000 toneladas de residuos ao ano e só hai capacidade para algo máis da metade. ¿A solución pasa por recortar o lixo que producimos en orixe?

-Ninguén quere renunciar a un nivel de consumo ao que estamos habituados. Pero estamos traballando en campañas de sensibilización cos rapaces. Existen pequenos xestos que poden reducir o lixo doméstico.