Ecovoz achegará o medio ambiente aos escolares galegos

La Voz

CARBALLO

23 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un total de 16 colexios das catro provincias galegas van participar na edición 2010 de Ecovoz, o programa medioambiental de Radio Voz.

Na tarde dos venres, das 17.05 e ata as 17.35 horas, os oíntes poderán gozar dun espazo con dúas seccións. A primeira delas é o Ecopreguntoiro, un concurso medioambiental para escolares de sexto curso de educación primaria. Os equipos, dous en cada eliminatoria, compóñense de cinco alumnos de cada un dos centros educativos e teñen que responder cinco preguntas, dun total de dez. Gaña o que máis puntos consegue e en caso de igualada, formúlase unha última cuestión de desempate que se lle adxudica ao equipo que responda correctamente antes que o outro.

Ademais, o formato Ecovoz, conta este ano cun informativo medioambiental, no cal se resumirá cada venres a actualidade medioambiental galega.

O sorteo de emparellamentos do Ecopreguntoiro realizouse onte. As eliminatorias son a unha soa volta e comezan en oitavos de final. A vindeira semana mediranse os colexios Fogar (Carballo) e Irmáns Villar (Ourense). O resto de enfrontamentos son: Monte Baliño (Ferreira de Pantón) - O Salvador (A Pastoriza); Antonio Blanco (Covelo) - San Roque de Corón (Vilanova de Arousa); Vilarmide (Muxía) - Cervantes (Lugo); Sobrada (Tomiño) - Melide 1 (A Coruña); Barreiro (Vigo) - Divino Maestro (Ourense); Eladia Mariño (Cabanas) - Refoxos (Oia) e Castrelo do Val (Ourense) - A Guía (Moaña).