«Vai sendo hora de que se fagan cousas en Corcubión»

E. E.

CARBALLO

A entidade xurdiu nas últimas semanas e xa está a preparar a campaña de Nadal e a pensar en iniciativas

19 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación de Empresarios de Corcubión (Emprecor) é unha entidade xurdida hai unhas semanas que aparece na vila anos despois do último intento de facer algo semellante. Entón, hai 20 anos, non funcionou, e agora, quen está na directiva confía en que as cousas sexan de outro modo. O seu presidente, Juan Ángel López Canosa (Fisterra, 1956), asegura que hai intención e ganas de traballar.

-Un dos problemas para sacar adiante a asociación foi a presunta politización de algúns membros da entidade. ¿Solucionouse?

-Cando se fixo a xunta xestora eu xa deixei claro que se había algún intento de politización da asociación eu sería o primeiro en marchar. Nós estamos aquí polo ben de todos os empresarios e podemos facer cousas, en contra dos que din que iso é imposible.

-¿Que primeiras iniciativas puxeron en marcha?

-Empezamos xa coa campaña de Nadal. O Concello convocounos para levala adiante e xa estamos con ela. Ademais, imos tentar promover a entidade, buscando subvencións e desenvolvendo iniciativas como a creación dunha web con todos os empresarios ou un rueiro onde figuremos todos.

-En Corcubión, nos últimos anos, o sector empresarial foi para atrás.

-As empresas aquí pechan. O que temos que facer é incentivar a xente para que merque aquí. Vai sendo hora de que se fagan cousas en Corcubión. Un día da tapa, do comercio, do que sexa, e en unión con outras asociacións para que veña a xente.

-O primeiro intento de facer unha asociación non funcionou.

-Foi hai 20 anos e aquilo empezou xusto como non que queremos que nos pase agora. Na primeira reunión fomos, entón, 40, na segunda xa se tiraban pedras entre eles.

-¿E como está de socios a nova Emprecor?

-Agora somos 31, con tres altas novas, e fáltanos algún que nos gustaría que estivera. O bonito é que esteamos todos de acordo e unidos. De momento iso é o que hai. Oxalá entren os que faltan.

-¿Algún plan para despois da campaña de Nadal?

-Tan pronto empece o ano buscaremos data para facer algo do interese de todos. E tamén en verán. Hoxe o comercio está moi centrado en Cee, pero onde haxa boas cousas, a xente vai, e temos que facer que veñan aquí a buscar algo. O que non podemos é preocuparnos so dos veraneantes. As ideas, témolas para facer cousas.