Unha homenaxe natural á xente que vive por e para o mar

CARBALLO

Mandeo Records foi o estudo encargado de filmar «Os soños do mar» en Laxe

12 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O sábado, a confraría de Laxe presentou ao público o proxecto Mardelaxe e, dentro del, o documental Os Soños do Mar. Detrás da produción da longametraxe atópase o estudo Mandeo Records, afincado en A Coruña. Daniel López é o director e guionista do proxecto. O ano pasado, esta empresa filmou xa os intensos minutos do Naufraxio laxense por encargo da confraría e, nesta edición, ademais diso, «quixemos ofrecerlle algo máis», explica López. Ese algo máis transformouse nun documental de case unha hora de duración, sentido e achegado á vila e a vida mariñeira de Laxe.

«Trata moi en serio o tema dos naufraxios», afirma o director. Son Os soños do mar, porque, tal e como el di, si se tratan aspectos da vida e o día a día do porto laxense, pero indo máis aló. «A xente mariñeira non ve o que fai como un traballo, non o vive como tal. Vive por e para o mar, tanto que se ás veces hai que elixir entre familia e mar, acaba escollendo o último. O mar é o seu soño», reflexiona. Para iso, «pagan un imposto», matiza, o do risco de poder naufragar. Da faena no mar e da pesca soe depender unha familia, polo que «cando se vai a pique», a situación vólvese límite. Todos estes sentimentos intentan recollerse no documental.

Hai gravadas unhas 42 horas de película, pero as de preprodución e postprodución superan en moito esa cantidade. O guión, a dirección e a trama, todo correu a cargo do equipo técnico de Mandeo Records, formado por unhas oito persoas. Parte imprescindible foi a xente vencellada ao mar en Laxe. «Quixemos ter unha continuidade de luz», explica o director e guionista, e o que se fixo foi centrar a trama nos tres días anteriores ao Naufraxio. «Todo se conta dende un punto de vista natural», sinala, matizando que o grao de implicación na vida dos mariñeiros foi tal que «chegamos a pasar desapercibidos». Nin as grúas que se empregaron para a gravación alteraban o ritmo da xente de Laxe. «Había mariñeiros pescando que nin sequera se daba conta de que estabamos alí e para lograr que iso estea tan mimetizado hai que pasar moitas horas con eles».

Adaptado aos tempos de hoxe en día, tal e como di López, «foi como unha especie de Gran Hermano no porto de Laxe». As voces de narración corren a cargo de Santiago Fernández e Poli Prieto. Caamaño Castro figura como o director de fotografía. A banda sonora conta con artistas de excepción na música folk, os cales cederon gratuitamente os dereitos das súas cancións para este filme: entre outros, os grupos Cahórnega (Cantabria), O'Carolan (Zaragoza), Nico Casal (música dos primeiros intres do documental), Diego Barral, Pedro Lamas ou Rosa Cedrón. Desta última, López adianta que «é incrible como Rosa Cedrón canta o Naufraxio».

En canto ás pretensións, este documental traducirase a cinco idiomas: italiano, castelán, alemán, inglés e francés. No tocante á difusión, ofreceráselle á TVG en primeiro lugar, pero nun futuro próximo estudarase a súa proxección noutras canles. Os soños do mar é a segunda parte dunha triloxía que comezou no 2008 con Naufraxio. Para o ano, farase unha mediometraxe de ficción. Aínda que xa hai pequenos adiantos na rede, a triloxía poderá estar dispoñible para descargar en alta definición.

Mandeo Records busca agora a data adecuada para facer unha presentación propia en A Coruña á que convidarán a mariñeiros, músicos, entidades relacionadas con este mundo e mesmo á Consellería do Mar.