Editada por Laiovento, percorre a vida, a obra e o contexto social do escritor
Antón Zapata (1866-1953) foi un autor que xogou un papel destacado entre os intelectuais emigrados a Arxentina despois da guerra civil. Publicou numerosos artigos en revistas como Alborada , tratou a Castelao. A súa obra non é da primeirísima liña da literatura galega, pero ocupa un posto moi digno. «É unha figura a reivindicar», sinala Miro Villar, o escritor ceense que máis sabe do laxense, finado en Bos Aires fai pouco máis de medio século.
Miro dedicoulle a súa tese doutoral a este escritor que xa fora coñecendo grazas a Xesús Torres, un historiador betanceiro que fora mestre en Corcubión, e a Xosé Manuel Varela, filólogo que empezara co de Laxe antes de mergullarse na vida e obra do baiés Labarta Pose. Desa tese, e de dez anos intensos de traballo, aproveita o material para construír a primera biografía de Zapata. Biografía social, literaria e humana, editada por Laiovento, que xa se pode atopar nas librarías e que está esperando a ser presentada en Laxe (xa non depende de Miro), pobo no que o escritor ten unha rúa e unha placa, e onde, ás veces, tense feito algo sobre el no colexio. Pero aínda así, non é moi coñecido o autor da Roseira da soidade. Nin en Laxe nin en Galicia, de aí esa reivindicación necesaria da que fala Villar. Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República , vai percorrendo a súa vida e obra. A nenez en Laxe (quedan poucos datos desta época), a emigración a Bos Aires (tivo aló unha filla, e malia a busca Villar non atopou o rastro dela), os primeiros poemas, o seu papel político e cultural, o traballo na diáspora, as colaboracións co ABC de Corcubión.
Aparecen neste volume cartas enviadas a amigos e familiares, e tamén recibidas. Os seus poemas, artigos (del, e sobre el), debuxos (era un bo debuxante), documentación privada. Unha abondante mostra de datos que, no entanto, non están pechados. «Sempre pode aparecer algo novo», sinala o autor ceense, que xa ten detrás de si unha longa produción ensaística e poética e tamén moitos premios. O último, o Faro Nerio, que recibirá no vindeiro outono.
A obra tamén permite indagar na súa evolución poética, dende os seus primeiros versos de amor ou os influenzados por Pondal ( pr-ôs arriscados ártabros-ogueltas; / pr-ôs heróis de Numancia e de Sagunto.../ ¡qu-eran celtas! ), ata outros máis costumistas e nos que aparece, entre outras referencias, a Costa da Morte, xa daquela un reclamo da propia terra, antes de que alcanzase a fama de hoxe: Pol-as veigas da Trava a de Serantes/ hastra â terra de Zas/ alongase o pregón do Mar de Laxe/ con medoño falar/ contándose ôs labregos que ôs peixeiros/ parés lles vai moi mal/ pol-a Costa da Morte van chorando/ fillos...mulleres...nais/ dos probes peixedores que a borraxa/ sorprendeu no mar.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios